Vida Oficial da RAG
BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
In memoriam MARINO DÓNEGA ROZAS
Temos tan preto a perda do vello amigo e compañeiro, que resulta doado sentilo vivo na nosa memoria. Con Marino Dónega desapareceu un peculiar xeito de ser, unha vida consagrada entrañablemente a Galicia. Profesou o culto ó país, á súa lingua, ó seu espírito. Fixo sempre uso de valores éticos que reflectían a conducta que o singularizaba. Vinculouse ó mundo literario cunha actitude antirretórica. Unha actitude que o afastaba do conformismo, da trivialidade. Nacera ocasionalmente en Huelva o ano 1916, por razóns profesionais do pai. Pero veu vivir de moi novo a Galicia. Cursou o bacharelato en Lugo e na Coruña. Licenciouse en Dereito na Universidade de Santiago. Exerceu durante longo tempo a avogacía. Coñecémonos e amigamos sendo ben mozos ámbolos dous. Coincidimos na laboría da ?Federación de Mocedades Galeguistas?, e nos traballos de propaganda do Estatuto autonómico do 36. Despois da guerra civil, en cantas empresas culturais se artellaron ó servicio do país noso. Unha das notas que o caracterizaban era a da vocación dialogante. Gustáballe dialogar. O que falaba resultaba de valor sólido, baseado nas inquietudes intelectuais que nunca deixaron de animalo. Tirou dos libros e da vida o que poderíamos considerar unha especie de licor. Un licor que o entusiasmaba sen se lle subir á cabeza. A súa conversa era grata, cómoda, non va, senón útil. Non só se interesaba polas opinións diverxentes. Mesmo se compracía no comercio dos seus semellantes. Podemos acreditar, polo trato íntimo, que un dos trazos que o definían viña ser o de curiosidade. O seu periscopio sabía concentrar imaxes de todo tipo: persoas, paisaxes, sentimentos. Asemade, libros, xornais, faladoiros, frases enxeñosas. Gorentábao mirar para as cousas, as xentes, o material, o espiritual. Facía gala, ademais, dun particular humor, que remataba coa sinatura de gargalladas barulleiras. Foi Marino Dónega pouco adicto a se expresar literariamente na escrita. Cultivou as letras no periódico, na revista, en limiares de edición de varios autores que el mesmo artellaba. Así, en artigos sobre Fernando Osorio, Luís Seoane, Rafael Dieste, nos prólogos dunha Escolma posible de Castelao, de Prosas galegas de Cuevillas, de Poesías, Escolma de Ramón Cabanillas. En volume da propia autoría, soamente publicou a colectánea de biografías de Fermín Penzol, Ánxel Fole e Ramón Piñeiro, co título de A Memoria e os amigos. Neste reconto debe figurar tamén o seu discurso de ingreso na Academia sobre ?Análisis da obra de Castelao Os dous de sempre?. Era certamente intelixente cando escribía. Posuía unha lixeireza peculiar para fuxir do recargado, da pedregosidade. Pero, á marxe da súa escasa producción como escritor, compre salientalo seu malbarato nas conversas dos faladoiros. Amosou decote unha
375 Nº 363