Traballos e investigación sobre outros temas
BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
O DIÁLOGO DE ALBERTE E BIEITO. DRAMATURXIA, ELITES LETRADAS E ESCRIT A EN GALEGO A FINS DO SÉCULO XVI
Rosario Álvarez e Xosé Luís Rodríguez Montederramo
1. Noticia, contido e forma O Dialogo de Alberto e Bieito é unha nova contribución ó reducido corpus de textos en lingua galega da época moderna1. O texto, conservado no Archivo de Alba [ADA 124/207], foi víctima do incendio do Palacio de Liria en 1936 e o seu deterioro é notable2, pois dos seiscentos dous versos orixinais só se poden ler cento oitenta e oito completos e arredor de cen fragmentariamente. A súa extensión total é de catro folios a dúas columnas, escritos en recto e verso, salvo o derradeiro con verso en branco. A copia é limpa, de letra e posta en páxina esmeradas, con finais de columna fileteados cun risco de adorno no centro, moi característica das que integran os cartapacios poéticos dos Séculos de Ouro; o coidado posto na súa execución fai que a penas haxa erros de copista e que estes sexan de escasa importancia: en cada caso, os vv. 9899, 228229 e 448449 están copiados na mesma liña, pero, advertido o lapsus, márcase a separación con dous trazos oblicuos paralelos; no v. 450 hai un salto de ollo que o leva a copialo comezo da palabra «Rapaziños» do verso anterior, que logo risca: «que ja se fan [cancell. Rap.] ladronziños». A Fernando Bouza debémola descuberta e primeira noticia da súa existencia, acompañada da transcrición dun pequeno fragmento; no mesmo lugar, consciente do enorme interese da peza, reclama «la urgente edición crítica que lo dé a conocer como merece» (Bouza Álvarez 1999: 52)3. O Diálogo, de argumento sinxelo, espella unha situación de extrema necesidade económica agravada polo arbitrario exercicio da xustiza. A obra comeza cunhas cántigas en off que chaman a atención de Bieito, un labrador xa maior da aldea de Gargallóns (hoxe pertencente a Campo Lameiro, vid. § 7.4., 8), o primeiro protagonista que aparece en escena e inicia o seu parlamento interrogándose en voz alta sobre as voces que escoita. O que vén cantando é o seu sobriño Alberte, que retorna ó país despois dunha penosa experiencia, en condicións físicas lamentables. O encontro alborozado entre ambos prodúcese á caída da tarde, no camiño que leva á aldea. Aí, parados na encrucillada, comeza o diálogo, con varias partes que en última instancia se reducen a un repaso das penurias, desgracias e abusos sufridos: interese pola sorte dos coñecidos e noticia das moitas mortes ocorridas entre veciños e parentes, debidas quizais á fame, quizais á peste; denuncia de abusos diversos cometidos polos soldados, que invaden os camiños, se aloxan nas casas dos veciños e lles acaban con canto teñen, deixándoos mesmo sen mantenza; pro241 Nº 363