XOSÉ MARÍA ÁLVAREZ BLÁZQUEZ: UNHA CALA NA RECEPCIÓN DAS SÚAS OBRAS POÉTICAS NOS XORNAIS GALEGOS Ramón Nicolás Rodríguez
Quero comezar agradecendo a invitación que recibín da Real Academia Galega para participar neste Congreso e, concretamente, formar parte desta mesa redonda que versará sobre a poesía de Xosé María Álvarez Blázquez. Para non interferir nas exposicións dos meus compañeiros de mesa optei por orientar a miña participación, nesta ocasión, cara a un asunto que sempre me pareceu significativo como é o de pescudar a recepción na prensa periódica das obras dalgúns autores e analizar os ecos críticos e valorativos que as súas propostas literarias suscitaron. Agradezo, asemade, a xenerosa colaboración que me prestaron para este efecto os profesores Ana Acuña e Xosé María Álvarez Cáccamo. Convén tamén expor que esta intervención non está condicionada polo afán exhaustivo, isto é, non cheguei a compilar a totalidade dos textos recepcionais que a obra poética do escritor de Tui provocou, nalgúns casos por atrancos alleos a quen lles fala no proceso de pescuda e que cada día me convence máis da perentoria necesidade da posta en marcha dunha ?hemeroteca nacional? que agrupase os fondos documentais e xornalísticos para poñelos ao servizo dos investigadores e interesados, hemeroteca que ben merecería levar o nome de Xosé María Álvarez Blázquez pois poucas persoas coma el o merecerían tanto por traballar con tanto agarimo e atención nos papeis antigos. Por outro lado, ocuparame o eco que os libros poéticos do autor en lingua galega suscitaron ao pouco de se editaren ou en vida do autor, centrando a atención, polo tanto, nos títulos Poemas de ti e de min (1949), Roseira do teu mencer (1950), Cancioeiro de Monfero (1953) e mais, finalmente, Canle segredo (1976), sendo conscientes de deixar fóra tanto o Romance do pescador peleriño (1954) e mais a Escolma de epigramas (1968), por non atopar referencias críticas destes libros. Antes de analizar esas referencias faise preciso subliñar algo que, non por obvio, cómpre sempre ter ben presente, isto é, a limitada existencia de textos críticos sobre volumes poéticos galegos e de todo xénero na prensa galega ao longo da ditadura franquista. O ferrollo pechábase con forza contra as letras de noso e así se evidencia nesta cala, na escaseza de textos recepcionais que tamén afecta, non podía ser doutra maneira aos libros publicados por Xosé María Álvarez Blázquez. Navegamos, así pois, por augas procelosas, onde só aparecían algunhas illas redentoras alicerzadas na vontade dunhas poucas persoas que quixeron manter vivo o eco dos libros publicados en lingua galega. Velaí como, no caso dos libros que nos ocupan, ofrecemos un total de sete textos críticos de diferente xorne que se ofrecen a xeito de apéndice neste relatorio, ordenados todos eles polo criterio cronolóxico. Farase, así pois, unha breve descrición do contido
189 Nº 369