XOSÉ MARÍA ÁLVAREZ BLÁZQUEZ: A PAIXÓN DAS ORIXES Xosé María Álvarez Cáccamo
No mes de decembro de 1982 tiven a oportunidade de entrevistar a Xosé María Álvarez Blázquez para un programa radiofónico de emisión estatal. A xornalista inicialmente destinada a aquela encomenda, informada da miña existencia de escritor acabado de estrear no ámbito público e da miña condición de fillo do intelectual galego que debía ser entrevistado, decidiu encargarme a min a súa misión. Nunca lle agradecín o suficiente aquel agasallo, que representou unha excelente ocasión para transformar o hábito das conversas paternofiliais de sobremesa en acto formal de indagación na obra e na vida dunha persoa pola que sinto especialísima atracción: o ser humano, o escritor, o activista cultural Xosé María Álvarez Blázquez. Desde entón non deixei de interrogarme arredor das claves de sentido daquela existencia tan xenerosa e intelixentemente entregada á causa da Cultura e ás causas múltiples de Galiza. Andado o curso da radiofónica conversa, na que eu adoptei unha posición de certa distancia a xeito de aparello defensivo fronte aos perigos da efusión sentimental, enunciei algunha dúbida arredor do probábel prexuízo causado pola diversificación da súa escrita poligráfica, á que respondeu reivindicando o principio do pracer como motor da súa obra e declarando as constantes que contradín a imaxe da heteroxeneidade:
É verdade que hai unha especie de dispersión que talvez puido malograr unha parte da miña obra, pero o certo é que a min me satisfixo e me satisfai e, polo tanto, son feliz co que realicei, aínda que teño a conciencia moi clara de que isto realizado non atinxiu as cotas que podería ter alcanzado se eu me tivese especializado nalgunha destas materias. Pero, en xeral, hai un denominador común en toda esa obra realizada, a que teño entre mans e a que realizarei: o meu gusto polo primitivo, a miña simpatía por todo o balbuciente, por todo o que comeza, por todo o que aínda non madurou e fraguou nunha realidade clara e terminante. Por iso gusto da prehistoria, da literatura medieval (especialmente da literatura medieval galega), por iso investigo no descoñecido para arrincalo do silencio e da sombra, por iso escribín unhas novelas nas que reflicten situacións acaídas a ese xeito meu de sentir e de pensar. De aí tamén deriva a miña vocación docente, o afán de achegarme á infancia, coñecer os primeiros pasos do neno até ser home. Esta procura de camiños ten como denominador común buscar a orixe das cousas, o comezo. Hai unha constante que identifica esta disparidade aparente das miñas actividades.
Aquela resposta de radical transparencia motivou desde entón as miñas pescudas no corpus textual de Xosé María Álvarez Blázquez. Entendín daquela ?confirmo cada día esta certeza? que os rumbos principais da súa obra desde que, xa en tempos de nenez e
45 Nº 369