XOSÉ MARÍA ÁLVAREZ BLÁZQUEZ EDITOR Manuel Bragado
Chegados case ao cabo da celebración do ano dedicado a Xosé María Álvarez Blázquez (XMAB) ?para nós, o intelectual galego máis completo e poliédrico do seu tempo? cómpre facer un balance do seu papel como editor, fundador do concepto da edición moderna en lingua galega. Voces tan autorizadas como as do seu biógrafo Darío Xohán Cabana insisten en que entre todos os eidos da súa monumental actividade cultural nuns anos de enorme precariedade foi, seguramente, a de editor, a máis destacada de todas as que emprendeu don Xosé María. Desde 1950 en Edicións Monterrey e logo, en dúas etapas ben diferentes, desde 1963 a 1980 en Edicións Castrelos, don Xosé María contribuíu decisivamente a reconstruír o tecido editorial galego destruído pola intransixencia e a violencia da rebelión militar do 36 que segou a vida do seu pai (Darío Álvarez Limeses, chamado en Tui ?o médico dos pobres?). En ambas as dúas aventuras editoriais traballou don Xosé María contracorrente (mesmo do galeguismo cultural representado por Galaxia, editorial da que foi, tamén, un dos seus fundadores), movido pola convicción patriótica e a afouteza empresarial de que era posible crear (por difícil que parecese) un mercado do libro en galego ou de interese galego. Como atinadamente sinala Darío Xohán Cabana, XMAB perseguiu durante tres décadas a mesma fantasía empresarial ensaiada polos tres grandes editores galegos de catálogo da nosa historia que o precederon: Manuel Soto Freire (o impresor lucense que no dezanove planificou por vez primeira un catálogo editorial en Galicia), Andrés Martínez Salazar (o creador da primeira «Biblioteca Gallega») e Ánxel Casal (o editor mártir, creador de Nós, a editorial galeguista republicana). EDICIÓNS MONTERREI Para a súa primeira empresa editora, XMAB tomou o nome de Monterrei, o castelo onde foi instalada a primeira imprenta de tipos móbiles en Galicia e onde en 1491 foi estampado o Missale Auriense, o primeiro libro editado no país. Contou coa complicidade do seu socio, Luis Viñas Cortegoso, o inspector de ensino primario formado na Institución Libre de Ensinanza, co que fundara dous anos antes a Almoneda Monterrei, a libraría de vello situada no número catorce da viguesa rúa de Pi e Margall (entón General Aranda). Naquela editorial bilingüe, con clara vocación de bibliófila, XMAB editou algúns dos libros máis coidados que se teñen feito en Galicia no século pasado, como Teatro
89 Nº 369