O POETA AMIGO Darío Xohán Cabana
Puidera ser que noutras ocasións, con outros celebrados, os académicos chamados a falar en tal día coma este soñasen as noites anteriores con apreixar nun breve discurso afortunado o miolo e a esencia do literato que lles tocaba examinar. A min, a nós, non nos foi dado soñar un soño tal, porque sabemos moito ben que nos tocou quen excede medida. A nós tocounos felizmente aquel que non se deixa abranguer en breves alocucións, en miúdos artigos ou medianos ensaios, e nin sequera en libros monográficos, que por moi amplamente que contemplen a figura de Xosé María Álvarez Blázquez sempre deixan en sombras extensos territorios da súa actividade, tan variada e numerosa que parece unha rosa de cen follas, ou onde non certo carballo de enormes e endexamais contadas pólas que hai no sitio que chaman de Luxís, preto da casa onde naceu aquel doce poeta Xosé Crecente Vega que o cantou belamente. Coma un carballo chantado na terra: así foi se queredes Xosé María Álvarez Blázquez, que tanto amou a Terra Nosa. Imposible é facer en tres alocucións, e moito menos nesta miña, nin tan sequera un pálido resumo da inmensa obra de quen foi poeta grande, narrador feliz, filólogo poderoso, arqueólogo fundador, historiador fecundo, editor revolucionario, e ademais diso, que é talvez o principal, aínda ben máis cousas: antropólogo, filatélico, bibliófilo, etnógrafo, infinito curioso e infinito amador de todos os saberes, pólas maiores ou ramallas menores do carballo que dixen de Luxís e debín dicir Álvarez, nacido en Tui e transplantado en Vigo, terra fecunda, terra de Castrelos. E que caudalosa cachoeira iniciou a unánime proclamación académica do Día das Letras Galegas do 2008! Nunca tal pasara. En primeiro lugar, no exército mobilizado pra escribir e disertar sobre Xosé María Álvarez Blázquez, por privilexio único de estirpe fecundísima, tres fillos escritores e oradores: Xosé María, Alfonso e Celso Álvarez Cáccamo. Despois, críticos literarios, eruditos e estudosos xerais da literatura entre os cales só cito por agora Xavier Rodríguez Baixeras, Clodio González Pérez, Ana Acuña, Henrique Rabuñal, Carlos Bernárdez, Irene Pérez Pintos, María do Cebreiro, Anxo Tarrío, María Xesús Nogueira, Manuel Forcadela, Blanca Roig, Ramón Mariño, Gonzalo Navaza, Ramón Nicolás, Malós Cabrera, e tantos que foron e serán... Ou eu mesmo, eu mesmo, que aínda que me digo de último, no fondo do corazón póñome inmediatamente despois dos tres que dixen de primeiros. E son tamén os arqueólogos e historiadores Acuña Castroviejo, García Martínez, Pilar Barciela, Carlos Méixome, Barreiro Fernández, Rafael Sánchez Barxiela... Pero pra que seguir... Xosé María Álvarez Blázquez non cabe todo en todo o que dicimos e escribimos coa urxencia da celebración, e polo menos cumpriría, pra termos unha
249 Nº 369