TRES MODELOS DE RECREACIÓN DA LÍRICA TROBADORESCA: FERMÍN BOUZA BREY, ÁLVARO CUNQUEIRO E XOSÉ MARÍA ÁLVAREZ BLÁZQUEZ Carlos L. Bernárdez
Como é ben coñecido, o que se vén chamando tradicionalmente neotrobadorismo xorde por influxo da lectura dos Cancioneiros medievais, popularizándose sobre todo despois da edición das Cantigas de amor debida ao estudoso portugués José Joaquim Nunes, que as publica en 1928. Trátase dunha tendencia claramente culturalista, moi ligada ao grupo intelectual que conformou o Seminario de Estudos Galegos. De feito, algúns dos seus cultivadores como Fermín Bouza Brey ou Xosé Filgueira Valverde foron membros de primeira hora da institución e eruditos investigadores. O neotrobadorismo é un fenómeno literario singular mais non alleo ás tendencias renovadoras tal como aparecen nas literaturas europeas do momento, xa que é parte dunha procura de raíces populares e nacionais, dunha actitude que ten moito de primitivista. Hai que lembrar que o popular e o medieval ?por seren referentes anticlásicos? son algúns dos factores que conforman diferentes opcións vangardistas, pénsese, nas artes plásticas, na obra de artistas tan diversos como W. Kandinsky, Natalia Goncharova, Sonia e Robert Delaunay, Amadeo de Sousa Cardoso ou en xeral a vangarda rusa. Cómpre lembrarmos que arqueoloxismo e vangarda non son termos contrapostos, nin na literatura nin nas artes plásticas. O punto de partida, o que importa ao creador, e ao poeta en particular, é a suxestión que provoca a cita antiga, o texto medieval lido desde unhas coordenadas culturais diferentes, que, alén diso, establecen unha ponte que elide a tradición clásica, inexistente na nosa literatura. A lírica trobadoresca é, a ollos dos mozos ligados á cultura galega das décadas dos vinte e trinta, unha poesía sen codificar, non contaxiada pola racionalidade clasicista nin polo gusto máis académico, con algo de primario, de contacto directo coa natureza, de cósmico e telúrico. A simplicidade das formas, en especial as das máis gabadas: as cantigas de amigo, completa esta visión ofrecendo un ideal de autenticidade. Para a cultura galega, en pleno proceso de construción no período anterior á Guerra Civil, a literatura medieval é un referente redentor ao redescubriren o xenio creativo galego nos primeiros tempos da lingua, redimíndoo do esquecemento. No contexto dunha cultura acosada, esta reivindicación é un acto celebrativo, xa que a literatura das orixes estaba desaparecida ?igual que a nosa cultura moderna era negada?; estamos, pois,
79 Nº 369