BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Estudos e investigacións sobre Xosé María Álvarez Blázquez
derradeira, aínda inédita, que enche en parte o libro Canle segredo? escribe xa en 195518. A novidade deste poemario, a diferenza case radical cos seus predecesores e, en definitiva, o xurdimento nestas páxinas dunha voz persoal, moderna hoxe aínda, que percorre temas da poesía universal e sinala un avance indiscutible na curta traxectoria poética de don Xosé Mª: este é, despois de meritorios ensaios, o libro máis definitorio e característico do poeta. Como observa Xosé Mª Álvarez Cáccamo19, ?podería (Canle segredo) ter representado o limiar dunha nova poética persoal, consolidada en sucesivas entregas e, non obstante, constituíu un epílogo de demorada resolución.? Digámolo agora: é de agradecer que as tres edicións20 que seguiron á primeira respectaran escrupulosamente os textos orixinais sen caer en tentacións normativistas de posta ao día que frustrarían, ademais, o valor documental da escrita do autor. Volve o poeta á configuración externa tripartita (10+15+5) con desigual número de poemas. O primeiro deles dá título ao libro. Con algunha irregularidade, continúan as estruturas da métrica clásica como o soneto (?Saudade?) ou a cuarteta de rimas asonantadas (?Dona?). Hai tamén mostras máis numerosas de poemas divididos en bloques estróficos sen rima e isométricos, baseados no hendecasílabo solto ou branco (?Baión?). Mestura de hendecasílabos, heptasílabos e tetrasílabos é ?Panida?. A polimetría, o hendecasílabo solto ou branco, a supresión da rima, o poema xa de certa amplitude son manifestacións dunha escolla métrica máis libre e moderna, menos suxeita a formas canónicas e de carácter culto, herdanza das novidades impostas no século vinte. En xeral, a escolla métrica dominante é a do verso semilibre. A literatura como un fin en si mesma, a compoñente retóricoformal, a tradición autóctona (neotrobadorismo) ou non (imaxinismo), o paisaxismo21 e popularismo, do que non faltan mostras, formulado como neopopularismo, retroceden diante dunha voz secreta, interior, confesional, canle de manifestación dun eu lírico no que advertimos un substrato densamente humano que fai do seu canto emoción e intenso exercicio da memoria, constatación do paso do tempo, ollada a un interior que ten moito de íntimo cinxido ao ámbito persoal, mais non renuncia ao comunitario ou social dende posicións éticomorais; á activa defensa dos débiles e as vítimas, á constatación de perdas e derrubos persoais ou de intres de ledicia e plenitude. Adiantemos a novidade, neste poemario, dunha lingua de rexistro conversacional na que as fórmulas da retórica literaria alternan, sen gañar a partida case nunca, coa expresión máis núa e directa que revela ao poeta desdobrado en neno (?Camiños?) ou en testemuño crítico e ético dunha xente, dunha colectividade materialista, clasista e hipócrita, inmisericorde cos débiles, cos feridos da vida, coas vítimas (?Ise neno da rúa?, ?Visión?, ?O cabalo?); dunha expresión que ten unha compoñente principal tomada da terra mesma (terra: natureza, aldea) a través dun amplísimo caudal léxico (albre, vagalume, herbas, fentos, area, fraga, vespas, penedos, eira, puzo, iauga, lareira, cabalo, etc.) e concretos topónimos cuxa clave existencial máis rotunda é Baión e que renuncia, por redundante e inexpresiva, á palabra cando se trata de manifesNº 369 30