BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Estudos e investigacións sobre Xosé María Álvarez Blázquez
de narratividade (nos romances), moito máis de descritivismo e, dende logo, cadros ou estampas de viva animación coa paisaxe como protagonista. A saudade percorre ?Desterro? e a miúdo atopamos referencias dunha sinxela relixiosidade e alusións xacobeas, sen que falten acentos lúdicos, festivos, infantís como os que se acusan en ?Ribas do Sil? ou ?Arela?. Porén, entre unha sensibilidade lírica ben marcada, facilidade para o verso, capacidade de asimilación estéticoretórica e non poucas herdanzas da tradición directamente galega ?dende a Idade Media ao século vinte? en composicións como ?Ti? ou ?Gando? aparece a voz dun poeta que aínda vai entre moitos ecos nos que tenta deixar a súa pegada persoal. 2. En 1950 nace Edicións Monterrey da man de don Xosé María e mais de Luis Viñas Cortegoso e o primeiro libro que sae do prelo é, precisamente, Roseira do teu mencer (194950), poemario de cosmos lírico unitario, homoxéneo, excluínte agás para a emoción afectiva do eu lírico e para a fermoseada e mínima figura do ti destinatario das cancións. Libro de manifestación do íntimo amor paterno do poeta ?á miña nena?, empastado na literatura infantil en ton, motivos, léxico e emotividade. Dedicado a María Luisa (?chamámoste Colorín?), filla do poeta, as vinte composicións de que consta enfían, dunha banda, o conmovido sentir do poeta e, doutra, recrean cancións infantís entre as que se advirten as de arrolo e berce como ?Pola fiestra anda o luar? ou ?Durme, neniña?. A preocupación do poeta pola estrutura, pola construción do poema, aspecto no que xa reparara Fernández del Riego, é ben perceptible, por exemplo, na gradación imaxinativa que determina xa o primeiro poema ??Era un airiño soave?? (de inicial lembranza rubendariana), tetraestrófico, formalmente paralelístico no seu desenvolvemento, xustaposto na vertebración das partes e de final conclusivo. Sen saír desta composición advirtamos o reiterado emprego de formas estróficas de tres versos, que neste caso son tercetos de arte menor con rimas consonantes ou asonantes. En ?O sol polas eiras...?, alternan versos de 6 e 12 sílabas nas súas estrofas, tamén de tres versos, que reproducen formas neotrobadorescas. En ?Ai!, nena, quen fora? son tercetos hexasilábicos todos eles. En ?Si, bonita, si:? a canle métrica é a polimetría, á que o poeta manifesta unha tendencia ben clara. Algunha contada reminiscencia do neotrobadorismo non impide afirmar que Roseira do teu mencer é un libro distinto e moito máis persoal de don Xosé María, malia que a inspiración popular estea na raíz mesma de varias composicións. Diminúe moito tamén a pegada do imaxinismo, aínda que continúen os procesos de transmutación hilozoísta do tipo ?bágoas do sol?, ?as mans lixeiras dos ameneiros?, ?crista de sandía?, ?O luar... como un gatiño orfo?, etc. Consonte coa expansión afectivosentimental dos versos, advertimos o notable incremento, agora, do índice de afectividade que é o diminutivo: noitiña, manseliño, pequeniña, ventureiriña, amodiño, ferreiriño, casiñas, frazadiño, reconchegadiña, etc.
Nº 369 28