Vida Oficial da RAG
BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Catastros, mapas e demais documentos conteñen moitas veces reproduccións contradictorias e por veces aberrantes destes topónimos. Só os moi vellos gardan memoria das formas auténticas pero os vellos estánsenos indo. Cómpre unha acción institucional intensa (que pode estimulala cooperación privada, como acontece xa con certas Comunidades de Montes) que salve nesta lexislatura este tesouro, na seguridade de que na posterior sería xa inútil intentalo. Esta Real Academia Galega, en coherencia cos seus Estatutos, iniciou este traballo, que deberán realizalo preferentemente filólogos autóctonos, convocando o Premio P. Sarmiento de investigación en microtoponimia e que salvou a de dous Concellos (Marín e Vilamartín de Valdeorras). A Xunta de Galicia puxo tamén en marcha unha actividade paralela, óptima no método pero insuficiente nos recursos. A Real Academia Galega considera boas tódalas iniciativas pero advirte que estamos ante unha emerxencia cultural. Precísase un proxecto máis ambicioso que nos permita salvar en catro anos a microtoponimia ou estarémola dando por perdida para sempre. A Academia entende tamén que, tendo por lei a competencia para dictaminalo correctamente lingüístico, debe de estar presente como tal na Comisión de Toponimia da Xunta de Galicia que establece as formas legais dos topónimos. Nova Lei de Normalización Lingüística A vixente Lei de Normalización Lingüística foi providencial e permitiu importantes avances na protección e na normalización do galego. Pero a aplicación práctica da lei e o tempo transcorrido dende 1983 fixeron ver lagoas e imprecisións deste instrumento xurídico. De por parte, apareceron situacións novas e incluso o Estado Español adquiriu compromisos lingüísticos internacionais (Carta Europea das Linguas) que non están contemplados na Lei de 1983. Cómpre actualizala no mesmo clima de consenso que presidiu a elaboración daquela. 1.? A Carta Europea das Linguas, á que se adheriu recentemente o Goberno español, contempla no seu articulado outros dereitos e alcances legais para o fomento e protección das lingua menos estendidas, entre as que está o galego. Os dereitos lingüísticos dos cidadáns que recolle a Carta non están suficientemente recoñecidos na nosa Lei de 1983. A producción lexislativa estatal sobre as linguas españolas en distintos ámbitos nestes 18 anos construíu un dereito que non está expresamente incorporado á Lei de 1983. Hai sectores para os que a Lei nada contempla, coma tal, as relacións laborais e profesionais, o ámbito privado, os dereitos dos consumidores e usuarios. Tampouco as novas tecnoloxías e os medios de comunicación audiovisuais están suficientemente contemplados: estas novísimas ferramentas están axudando moito a lingua galega pero é igualmente certo que o seu uso real funciona como factor de
371 Nº 363
2.?
3.?