BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Vida Oficial da RAG
A Real Academia Galega solicita que o próximo Goberno galego poña en marcha unha profunda e aberta reflexión sobre as razóns desta resistencia pasiva dun sector do funcionariado e a adopción de medidas eficaces. A actividade empresarial A Real Academia Galega coida que o futuro da lingua galega non se está xogando exclusivamente no eido cultural. A actividade empresarial (fabril e mercantil) é unha actividade prestixiosa e prestixia a lingua que a vehicula. Orabén, esta actividade é un dos ámbitos sociais nos que a lingua galega xoga con máis claridade o papel de lingua subordinada. Con moita frecuencia publicítase, véndese e factúrase en castelán o que se produciu ou elaborou en galego. Con moita frecuencia no mundo da empresa a lingua marca as diferencias de categoría e nómina con máis nitidez cós uniformes de traballo. Ademais, o feito de que o voluminoso investimento publicitario deste sector se faga case só en castelán, condiciona a lingua de boa parte dos procesos empresariais anteriores; e, cando promociona o producto que anuncia, tamén privilexia indirectamente (ou subliminalmente) a lingua que vehicula a programación, a publicidade, a transacción e a factura. En cada unha destas operacións empresariais a lingua galega sae silenciosamente derrotada. Sen embargo, isto non é así necesariamente: os estudios de mercado publicados polo Consello da Cultura Galega evidencian que en Galicia a exclusividade do castelán non só non é indispensable dende unha perspectiva estrictamente comercial senón que, pola contra, o galego en Galicia axuda a vender. A Real Academia Galega coida que as institucións públicas poderían intervir decisivamente e colaborar a quitarlle á lingua galega esta mordaza que a rutina vén aceptando inconscientemente. Referímonos ás multimillonarias axudas ou subvencións que dende diferentes Consellerías se facilitan a numerosas empresas. Chegaría con condicionar esas axudas a un impulso do uso do galego por parte desas empresas. Non se trata de condicionala lingua nas súas relacións comerciais co exterior de Galicia senón da súa actividade en Galicia. A Xunta de Galicia debería esixir como contrapartida ás subvencións que outorga contratos dos traballadores e nóminas en galego, rotulación da empresa en galego,etiquetado, publicidade e facturación para Galicia en galego. Microtoponimia Galicia dispón dun arquivo documental de excepcional riqueza na súa toponimia como consecuencia da dispersión da poboación e do minifundio. Non ten equivalente en toda a península ibérica. Sen embargo o abandono da actividade agraria, o xigantesco proceso de urbanización e diversas intervencións como obras públicas ou concentración parcelaria poñen en perigo de desaparición irreversible unha gran parte deste tesouro.
Nº 363 370