Vida Oficial da RAG
BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
galego non é, na opinión desta Academia, atribuíble, de maneira primordial e moito menos de maneira exclusiva, a cuestións estrictamente lingüísticas. A función de espello que cumpren os medios privados de comunicación funciona en Galicia de maneira deformante. Boa parte do que acontece en galego aparece nos medios en castelán, co que a sociedade galega interioriza inconscientemente que a súa verdadeira realidade é outra. E esta falsa imaxe, que un acaba tendo de si mesmo, actúa despois negativamente nas escollas lingüísticas que poida facer na actividade familiar ou profesional. Mentres os medios de comunicación privados non deixen de presentar deformada a realidade lingüística de Galicia, mentres a sociedade galega se vexa neles cunha proporción de uso lingüístico distinta á real, vai ser moi difícil loitar contra inhibicións inexplicables no eido familiar. A Real Academia Galega xa se dirixiu hai dous anos a tódolos medios de comunicación privados e o silencio foi case total. Non se pedía, nin se pide, unha brusca alteración de pautas de traballo que poidan crear problemas laborais ou incidir negativamente nas vendas. Pedíase e pídese un aumento anual dun 10% de uso, ben dosificado polas seccións de maior audiencia, para ir estimulando suavemente a aceptación do seu público e creando lentamente a demanda que os medios saben crear tan ben. A Real Academia Galega cre que a experiencia destes anos demostra que a lingua en Galicia non é un problema de comunicación, non é un ruído, senón todo o contrario: varias veces as maiores cotas de audiencia acadáronse con productos en galego. O Goberno Galego dispón de importantes recursos para estimular este aumento de uso. Nin son os únicos o control daqueles medios ós que se lles concedeu licencia de emisión cunha proporción de galego preestablecida na concesión. A Real Academia Galega solicita do próximo Goberno Galego un compromiso de acción eficaz neste eido, sen o que será moi difícil que Galicia presente o seu verdadeiro rostro e se libere de tabús lingüísticos que aínda pexan o uso normal da lingua galega. O ensino O ensino é unha actividade regulada directamente polo Goberno de Galicia e nel ten, polo tanto, unha responsabilidade decisiva. A Academia recoñece que se fixeron neste sector algúns dos máis intensos esforzos humanos. O froito máis importante é o aumento da competencia lingüística das xeracións máis novas. Podemos dicir que hoxe os menores de 30 anos saben masivamente ler e escribir en lingua galega e teñen coñecementos básicos da nosa realidade cultural. Nunca antes se vivira unha circunstancia semellante na historia de Galicia. Sen embargo, é notorio non só que a lexislación de uso do galego nas aulas se incumpre masivamente, senón tamén que parece que entran nas aulas máis galegofalantes dos que saen. Isto significa que globalmente o sistema escolar non cumpre os obxectivos lingüísticos estipulados e que alí onde os cumpre parece ser resultado da opción persoal do profesor.
369 Nº 363