BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Vida Oficial da RAG
trumento do cambio de mentalidade do pobo galego verbo da súa lingua. Esta Academia quere felicitar a cantos traballadores puxeron o seu saber e mailo seu traballo nesta gran obra. A Academia quere, sen embargo, advertir algunhas importantes disfuncións. A primeira é a rutina xa ben asentada en moitos traballadores de elaboraren en castelán un producto que se emite en galego. Máis alá da falta de sintonía coa razón primeira da existencia da empresa, isto prexudica os locutores que no directo se ven forzados a seren traductores simultáneos con mingua da calidade. Resulta estridente, ademais, para cantos galegos se achegan a unha gravación observar que parte do funcionamento interno da CRTVG non corresponde ó elemento que a distingue doutras cadeas: a lingua. A segunda disfunción é a extensión dos problemas lingüísticos de moitos locutores. Por non falar máis ca do eido fonético, existe unha alarmante proporción de persoas que non distinguen vocais abertas de pechadas, despalatalizan o xe, fan alveolar o ene velar ou entoan o galego con cadencias ascendentes impropias da nosa lingua. Cando entrevistan un galego falante auténtico, chama a atención con demasiada frecuencia o contraste entre a rica fonética do entrevistado e a pobreza da do entrevistador. Tendo en conta que as cadeas de radio e televisión son en todas partes as primeiras difusoras e moldeadoras do estándar, debe de producirse un cambio substancial se non queremos que en pouco tempo a lingua galega media perda a súa identidade. A pesar dos esforzos de asesoramento lingüístico personalizado, que a moitos locutores lles ofrece a CRTVG, a situación é deficitaria. A CRTVG debe marcarse o obxectivo de que, como noutros países, o seu galego poida recomendarse como modelo ós estudiantes de lingua. Para isto é imprescindible que na elección dos que han de poñela súa voz a aprobación previa dos lingüistas sexa requisito indispensable e anterior á valoración da fotoxenia, elegancia, expresividade e demais condicións para ese traballo. Nos outros medios públicos a situación non parece mellor. Medios privados de comunicación A situación do galego nos medios privados de comunicación é irrisoria. Nas publicacións da Academia xa se publicaron algunhas medicións que fan ver que a presencia nos xornais dende 1990 a fins de 1998 variou dun 4'23% a un 3'29%, se non contámola presencia do xornal O Correo Galego (e, se o incluímos, a 14'57%). Na actualidade esa proporción parece manterse e, a primeira vista, non parece que fose peor antes da Constitución. Para máis, os contidos en galego son, en boa parte, colaboracións literarias e publicidade institucional directa ou en forma de reportaxe. A situación é anormal. Esa proporción non corresponde a ningún dos datos que ofrece o Mapa Sociolingüístico de Galicia. Non cadra cos datos de capacidade de comprensión ou de lectura da sociedade galega, nin cos do uso real, nin co que os propios galegos din desexar para esta actividade. O escaso eco conseguido por algúns medios escritos en
Nº 363 368