P ALABRA, CONSTRUCIÓN E TRANSMISIÓN. O TEATRO DE MANUEL LUGRÍS FREIRE Iolanda Ogando
Aun cuando no hubiera tenido otro resultado la creación de la Escuela regional que inclinar al Sr. Lugrís, con las excepcionales condiciones de su genio creador, a espigar en la producción dramática, podríamos darnos por enteramente satisfechos. Uxío Carré Aldao (1912)1 Memoria críticobibliográfica sobre el Teatro Regional Gallego
Sendo parte da axenda cultural e política nos últimos anos a cuestión da memoria histórica, pensamos que a figura e a obra de Manuel Lugrís Freire se encadraría perfectamente no cerne do problema da recuperación do pasado. Este autor e a súa obra cultural representan de maneira moi significativa o proceso de silenciamento ou semienterramento de moitos dos escritores e/ou pensadores do período finisecular e dos seus textos ou achegas culturais máis relevantes2. De feito, aínda en 1991 Francisco Pillado apuntaba na nota introdutoria da que foi a primeira grande obra dedicada a Lugrís Freire, que este formaba ?parte desa nutrida nómina de escritores galegos, absolutamente esquecidos ou ignorados, dos que apenas se fala ou se escrebe? (Pillado Mayor 1991: 8). E se ben é verdade que Lugrís foi obxecto de revisión e estudo en varios traballos3, a súa presenza nos tratados sobre literatura ou teatro en Galiza era moito menor que a significación que no seu momento tivera, como un dos dramaturgos máis avanzados dos primeiros anos do século XX, o de maior éxito e, para alén diso, un dos primeiros e máis dedicados á promoción e recuperación da cultura e da política galegas (Pillado Mayor ib.). Na verdade, neste ano promovemos a (re)descuberta dun dos seus promotores, dos seus máis interesantes colaboradores do primeiro terzo do século XX e do que viría a ser o seu presidente en 1934. Lugrís Freire está, de por parte, situado nunha época de grandes avances na configuración rexional galega, que conta co teatro como unha das súas maiores armas e medios. Ubícase polo tanto no que será un período fundamental da historia do teatro galego, o do Movemento Dramático Rexional4, nomeadamente na súa máis simbólica iniciativa: a Escola Rexional de Declamación. Como veremos unha vez máis neste artigo, a súa obra dramática constitúese coma unha das máis produtivas e orixinais do momento, sendo máis destacada aínda se temos precisamente en conta o contexto en que se desenvolve (Tato 1999, 2003 e 2006b).
77 Nº 367