Estudos e investigacións sobre Xosé María Álvarez Blázquez
BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Polo que atinxe ao humor, para non estenderme demasiado nesta miña intervención, resumirei dicindo que o humor foi ademais dunha marca de estilo e método frecuente de comunicación, unha arma de defensa e un antídoto contra as gadoupadas da vida, que non foron poucas, pero tamén un xogo, case sempre un xogo de intelixencia cun recurso común no que destacan a utilización da flexibilidade da verba, a satisfacción na modelación da palabra, a deturpación dos significados tinxidos polo pracer que se experimenta cando de xeito espontáneo a palabra produce fillos e abortos, o divertimento, a creación de acentos novos ou de espazos e personaxes comúns como, por exemplo, Avelino Abilleira, un ente colectivo, un comodín sempre ben parado, tan Álvarez ou máis Álvarez cos Álvarez, porque Avelino somos todos, e bo amigo, tamén, de moitos Álvarez nacidos no territorio do Alterego, habitado polos pseudónimos e os heterónimos, onde pasaron ou pasan a vida Lázaro Evia, Celso de Baión, Pepe do Rollo, A. del Sarne, C. Garrido, Mario Vázquez Xerez BalSala, Airellita Paz, Donda, ou os máis novos como Paco Cereixo e Óscar Ribadomar. Todos eles, sobre todo Avelino Abilleira e Airellita Paz, naceron nun lugar fronteirizo entre o humor e a traxedia. Airellita, quizais, naceu nunha linde entre o humor e a miseria dos anos corenta, pois aínda sendo fermosa, non tiña parné para mercar uns bos zapatos, e perfumadiña e linda e sutil pero firme nas pegadas ?así imaxínoa eu? camiñaba pola viguesa rúa do Príncipe ben vestida con saias arteiramente amañadas, medias de seda con costura, pero calzada con pantuflas rematadas nun pompón. A familia Álvarez achegou á cultura galega 163 obras individuais, delas 48 escritas en castelán, fundamentalmente sobre temas que atinxen a Galiza, e 115 escritas en galego. A suma dos volumes editados da autoría dos Álvarez, segundo un cálculo que quizais queda curto, e que pasaron a formar parte das bibliotecas privadas e públicas de Galiza, acadarían arredor dos 300.000 exemplares. Das 163 obras citadas, e que figuran na Bibliografía que se vos entregou, 40 son libros de poemas, o corenta por cento, a metade deles da autoría de Xosé María Álvarez Cáccamo, o poeta máis prolífico de todas as xeracións familiares; 21 son obras de narrativa (novelas, contos e relatos), a metade deles da autoría de Alfonso Álvarez Cáccamo. Achegamos 11 libros de Literatura Infantil, 14 biografías e 18 obras de teatro, a meirande parte escritas por Emilio Álvarez Giménez, algunhas das cales foron representadas, con maior ou menor éxito, en distintas localidades galegas e españolas. O resto, sobre 60 obras, son estudos históricos, xeográficos, etnográficos, gramaticais, antropolóxicos ou literarios onde escintila a sabedoría de Xosé María Álvarez Blázquez, unha das grandes figuras da cultura galega do século XX. As obras da familia foron traducidas ao castelán, catalán, éuscaro, francés, portugués, inglés, alemán, italiano e ruso. Entre todos os escritores da familia acadáronse, aproximadamente, uns 50 premios literarios de importancia.
39 Nº 369