BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Estudos e investigacións sobre Xosé María Álvarez Blázquez
Os membros da 1ª, 2ª, e 3ª xeracións escribiron en galego e en castelán. A partir da 4ª xeración a única lingua utilizada foi e é o galego. É obvio que os condicionamentos políticos, fundamentalmente, foron a causa da escolla da lingua por parte dos nosos maiores, pois a súa vocación literaria estivo sempre claramente vencellada ao galego, indiscutibelmente desde Xerardo Álvarez Limeses que, coma tantos outros, militou no Partido Galeguista, do que foi un dos fundadores. O primeiro desta estirpe, Emilio Álvarez Giménez, aínda sendo natural de Puebla de Sanabria ?o único membro da familia que non era galego? escribiu na nosa lingua o drama Maricastaña ou unha revolta popular e varios poemas, mais tamén utilizou o idioma catalán nun poema dedicado a Victor Balaguer, unha mostra de cultura, de intelixencia e de respecto cos pobos que o acolleron. Falaba antes dunhas constantes familiares que, nacidas do mundo formativo e cultural, e transmitidas mediante un código no que a afectividade estivo sempre presente, pasan a reflectirse nas obras escritas e repítense e perduran xeración tras xeración, dun xeito inconsciente e natural. Neste senso, cito as palabras coas que o poeta Xavier Rodríguez Baixeras no limiar do libro Escolma de familia, cen anos de poesía, antologado polo meu irmán Xosé María, se refire a algunhas destas constantes que el observou na nosa obra poética: unha acusada presenza do mundo natural; o espírito de solidariedade; a ampla cabida que os autores damos ao mundo familiar; o humor, ?un humor amabel?, en palabras de Baixeras; un ?humor emocionado?, segundo Méndez Ferrín, e ?unha especial predisposición conxénita para a música do verso, transmitida, sen dúbida, de xeración en xeración?. Estas constantes non só están presentes na obra poética, agás a última das citadas, obviamente, senón tamén na obra narrativa e na teatral, pero fundamentalmente, na vida. A solidariedade e a defensa dos humildes manifestouse con toda a intensidade na traxectoria vital de todos e cada un dos membros da familia Álvarez que padeceron a violencia do levantamento militar fascista e a represión do franquismo nas súas propias carnes. E non só foron estas dúas calidades humanas nas que destacaron, tamén na valentía, na fraternidade e no compromiso político nas ringleiras do galeguismo, do nacionalismo e da esquerda. E hai máis constantes: por exemplo, a inquedanza pedagóxica que non só ten por que levarse a cabo nas aulas senón nos foros e nas colectividades. Dos dezasete membros da familia aos que escollín seguindo os criterios anteriormente referidos, a metade dedicáronse ou dedicámonos ao ensino, desde a Primaria até a Universidade, mais outros, como poderían ser Emilio Álvarez Blázquez, sensibilísimo poeta, ou o seu irmán Álvaro, importante divulgador da arte galega, ou Darío, médico culto e valente, tamén eran mestres no seu trato, grandes comunicadores e transmisores de coñecementos nas aulas da vida, e había neles, como o hai en Darío e Alfonso Álvarez Gándara, ou o meu curmán Emilio Álvarez Rei, entre outros e outras, un afán comunicador e un pracer engadido na arte na palabra.
Nº 369 38