BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Estudos e investigacións sobre Xosé María Álvarez Blázquez
destino, solidarios nos nosos afectos, parellos no fundamental, pero ben distintos os uns dos outros e outras, como debe ser. Como sei que non dispoño de moito tempo para a miña intervención, decidín suxeitarme ao criterio de citar aqueles membros, homes e mulleres da familia, desde a xeración de Emilio Álvarez Giménez, á que vou considerar como a primeira (aínda que o seu pai Gregorio Álvarez González era home de ampla cultura humanística, dedicado a labores da xudicatura e da política, tan culto como foi o seu irmán Anastasio, doutor en Medicina e Licenciado en Literatura) até o pintor Darío Álvarez Basso, o máis novo dos creadores recoñecidos da quinta xeración. Escollín dezasete membros significativos da nosa longa familia baseándome no seguinte criterio: todas e todos os que vou nomear teñen obra literaria escrita e publicada de certa entidade ou obra pictórica exposta e pendurada nalgún museo. Se puidese intervir de novo dentro de ?poñamos por caso? vinte anos, aló polo 2028, abofé que aturariades unha intervención máis longa, pois xa apuntan con intelixencia e bo facer novos nomes da quinta xeración, fillos e fillas dos Álvarez Gándara, dos Álvarez Cáccamo, os ÁlvarezBlázquez Fernández ou os Álvarez Rei. Outros e outras aínda están por nacer na quinta e na sexta xeracións. Algúns de nós pintamos, e mesmo intervimos en modestas pero ilusionadas exposicións; a outros non se lles dá mal a interpretación e a composición musical; hainos con moita habelencia para a cerámica, o moldeado e mesmo a escultura; tamén, con boa voz para o canto e boa coordinación para a danza, e incluso dignas actrices teatrais; e varios traballan atinadamente na xestión de centros culturais ou de entidades de relevo, mais iso sucede en moitas familias. Se seguen traballando estes membros da familia Álvarez, dentro de vinte anos posibelmente falarei dalgún deles. Estou seguro que, alomenos, outro creador ou creadora seguirá abrindo a fábrica acotío para que a cheminea continúe a fumegar. A outra liña na que vou basear a miña breve intervención vai ser a de facer un cómputo xeral, case que estatístico aínda que non estritamente rigoroso (pois iso sería unha tarefa moi longa que brindo a alguén con máis paciencia) da obra escrita que a nosa longa familia achegou á cultura galega desde o século dezanove até os nosos días. Engadirei, tamén, datos sobre a achega plástica salientábel. Agradezo a axuda dos meus irmáns Xosé María e Celso e do meu curmán Emilio Álvarez Rei para confeccionar esta Bibliografía dos Álvarez que se vos entregou. Fica claro que se trata dunha bibliografía estimativa baseada no criterio das obras individuais editadas. Fican fóra desta lista as obras literarias, os contos, relatos, poemas e ensaios publicados en volumes colectivos, as separatas, as colaboracións literarias na Prensa e por suposto os artigos xornalísticos de opinión escritos pola familia Álvarez que, desde o século dezanove até os nosos días superarían, segundo un cálculo ben atinado, os cinco milleiros, o que vén significando unha media desde 1860, de corenta artigos anuais, case que catro por mes, un semanal, ao longo de tres séculos. Por suposto que houbo anos máis fecundos ca outros,
Nº 369 36