BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Estudos e investigacións sobre Xosé María Álvarez Blázquez
modulación dos poemas vernizados polo ton elexíaco e o acento social que conclúen o poemario. Xa por último, o catro de xaneiro de 1981, o profesor Xesús Alonso Montero, no suplemento cultural do Faro de Vigo, coordinado por Álvaro Cunqueiro, publica un artigo baixo o título de ?O 'Cancioeiro' de Monfero: un cancioneiro medieval de 1953?. Como se viu até o de aquí este libro publicado en 1953, unha fermosa brincadeira literaria suscitou, ao que parece, unha escasa atención crítica, aínda que non, por exemplo epistolar, que é outra forma de recepción e da que se falará moi brevemente despois. Neste artigo amentado, redactado bastantes anos despois da publicación do Cancioeiro, alén dun íncipit de carácter académico arredor da tradición trobadoresca medieval galegoportuguesa salienta o labor de espallamento que significou a Escolma de poesía medieval do ano 1952. Na segunda parte do artigo desvela algúns datos de interese como a ledicia con que acolleu a publicación, por exemplo, Florentino López Cuevillas, alén de sinalar que: ?Sei por Xosé María que recibíu cartas de xente moi erudita ?mesmo algún catedrático de Universidade? con noraboas alborozadas?. Liñas máis adiante, tras se referir a algunhas palabras no prólogo que lidas con atención talvez apuntarían á lectura coherente que del se debería facer como textos apócrifos, conclúe que a familiaridade cos textos medievais constituía unha ?faceta importante nun intelectual que sabía e sabe facer, entre outras importantes cousas, erudición de verdade e poesía verdadeiras?. A devandita afirmación do profesor Alonso Montero verbo do corpus epistolar que suscitou a publicación do Cancioeiro de Monfero viuse confirmada coa publicación, por parte do seu fillo Xosé María Álvarez Cáccamo, dun interesante artigo nas páxinas da ?Revista das Letras? d'El Correo Gallego baixo o título de ?O cancioneiro inocente de Xosé María Álvarez Blázquez?, con data de 18 de decembro de 2003, ao que engade un bo número de cartas e a onde remitimos o interesado para coñecer o seu contido. Nese artigo o seu fillo deixou dito:
A min cónstame que o meu pai, Xosé María Álvarez Blázquez, non só non se arrepentiu nunca daquela súa estupenda brincadeira, poesía de altura ademais de simpática, hábil, enxeñosa ocorrencia que fixo felices durante algún tempo á maioría dos seus destinatarios, inocentes ou non ?enténdase a palabra en toda a extensión dos seus significados? senón que ten participado con leda espontaneidade noutros xogos apócrifos familiares de certa repercusión pública. Sospeito que mesmo entre as cartas aquí reproducidas, que eu topei nun único mangado so o epígrafe ?Correspondencia sobre o Cancioeiro de Monfero?, hai algunha tamén apócrifa. Brincadeira de Xosé María destinada aos inocentes do nadal de 2003. (Álvarez Cáccamo, 2003).
Máis acó no tempo, nun libro que ao meu ver pasou inxustamente desapercibido tanto pola súa orixinalidade como pola enorme cantidade de documentación que manexa exposta nunha prosa extraordinariamente suxestiva e rica, e refírome a Tempo do pai, Xosé María Álvarez Cáccamo explica con palabras certeiras:
Nº 369 192