Estudos e investigacións sobre María Mariño
BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
2 Tan embrollado falo hoxe que cáseque non me entendo. En vez de ?¡Ven!? dixen ?¡Vou!?, ó sentir forte chamar da vella voz de quen son (P, 111).
Estamos nestes casos diante dunha palabra problemática e dunha actitude propia da modernidade, como é o cuestionamento da linguaxe e a evidencia da súas limitacións. A esta incapacidade refírese Uxío Novoneyra, valéndose dunha explicación heideggeriana, nun texto sobre a autora publicado na revista Céltica. Cadernos de Estudos Galaico Portugueses do Porto, reproducido por Carmen Blanco:
María Mariño entra, levada tamén polo sentimento como ?fío condutor?, nise eido da inxel vaguedá que cai ?mas alá da dor?, donde as palabras fallan ou se axustan con dificultade; xa que, ó dicir de Heidegger, as palabras están feitas ós entes e mal se axeitan ó Ser, que é donde o noso poeta anda a ?lonxear? (Blanco, 2007a: 28).
A palabralinguaxe incapaz de significar debe pórse en relación co motivo antes mencionado da lectura, que está presente en varios momentos de Palabra no tempo:
Cousas, cousas fun lendo cando as letras aprendía. Agora que sei leer non sei o que alí decía (P, 126). Hoxe caeume o pano que a mirada me entrubaba. Del quedoume sentir, entre o Non e a Esperanza. Anque agora vexo craro, inda que o sol non anda, non entendo ben as letras que co pano letreaba (P, 130).
Versos como os citados levaron a Carmen Blanco a afirmar que ?a escritura [...] convírtese en iluminación cognoscitiva, esa que só se produce cando se esquecen todos os saberes superfluos? (Blanco, 2007a: 147). María do Cebreiro Rábade reparou no motivo do veo e relacionouno co que ela denomina acceso restrinxido do poema ao real, trazo que vincula á escritora con Rosalía, como ela mesma explicou:
Tanto en Mariño como en Castro a realidade está xebrada da linguaxe por un veo que pode adoptar diferentes formas. En Mariño a representación máis frecuente é a néboa, e en Rosalía a sombra (Rábade, 2006: 20).
En calquera caso, esta iluminación atopa, na poesía de María Mariño, cos atrancos da linguaxe, o que explica a súa necesidade de dinamitala, por empregar a feliz expresión de Novoneyra (1982), ou de forzala até máis alá da norma e contariar interiormente a súa estrutura, de seguirmos a lectura de Méndez Ferrín (1984).
81 Nº 368