Estudos e investigacións sobre Xosé María Álvarez Blázquez
BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Civil; aínda que, xaora, cunhas limitacións e baixo unhas ameazas que antes non sufría. Durante os anos cincuenta, e primeiros sesenta, o libro galego é case clandestino, considerablemente mal visto, e comercialízase sobre todo por subscricións. A editorial máis importante é Galaxia, seguida de Monterrey, pero hai varias outras empresas, efémeras ou non, que tamén contribúen á tarefa común, unha tarefa certamente común que, con todo, non nos debe inducir a esquecer as fondas contradicións que existían entre os distintos grupos e persoas. A principios dos anos sesenta as cousas empezan a cambiar. Unha nova xeración, xa solidamente constituída no plano da creación literaria, comeza a intentar a reconstrución do nacionalismo político no interior, ponteando as autoridades autoinstituídas do, chamémoslle, «movemento galeguista», e establecendo contactos directos co exilio: Antón Moreda, chegado de América, é unha figura esencial no Consello da Mocedade e na súa traumática ruptura que, en definitiva, dá orixe á creación da UPG, e posteriormente, por camiños tortuosos, do PSG. Por outra banda, unha parte dos militantes galegos do Partido Comunista de España, comprometidos co galeguismo cultural, practican e promoven a lingua galega e inician o proceso que levará á creación dunha organización chamada Partido Comunista de Galicia. Coa resistencia ó asolagamento de Castrelo de Miño hai movementos agrarios e políticos de gran transcendencia que falan galego. Comeza a formarse o que despois se chamou Fronte Cultural Galega, composta por O Galo de Santiago, o Facho da Coruña, a Asociación Cultural de Vigo e tantos outros grupos de cidades e vilas, legalizados ou non, duradeiros ou non. Unha fronte que en realidade nunca existiu pero que, coma o cabaleiro inexistente de Calvino, era aínda máis eficaz na guerra ca se existise realmente. Na Universidade de Santiago, xa a fins dos cincuenta, empeza a configurarse un movemento tan político coma cultural que en febreiro de 1968 estouparía en grandes accións de masas nas que a lingua galega empeza a conquistar as tribunas, convertida en lingua política, expresión de fraternidade e de arela democrática, bandeira antifranquista. O mesmo sucede no movemento obreiro, se non na súa totalidade, si nunha parte moi importante e cada vez maior, até a lingua galega converterse na lingua sindical referencial. E un feito aparentemente efémero como é a celebración do centenario de Cantares Gallegos en 1963 dá lugar á creación do Día das Letras Galegas, que sería moi importante pra romper a absoluta invisibilidade do libro galego e empezalo a pasear, polo menos unha vez ó ano, por algunhas prazas. A situación política era moi diferente da dos anos cincuenta; e sen embargo, o mundo da edición en lingua galega non parece que se inmutase gran cousa. Certamente, aumentaba paseniño o número de títulos que se publicaba cada ano, pero o número de exemplares permanecía estancado, como estancada estaba a distribución que, se ben reforzara algo a súa presenza en librarías, aínda contaba cun número de puntos de venda moi escaso. O libro galego permanecía alleo ás masas populares.
105 Nº 369