BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Estudos e investigacións sobre Xosé María Álvarez Blázquez
En 1967, Xosé María Álvarez Blázquez volve de Oviedo, a onde fora como representante de Pescanova intentando mellorar os seus ingresos, cronicamente insuficientes pra levar unha vida desafogada. A aventura ovetense rematou non por fracaso laboral, senón por motivos moito máis dolorosos que non quero lembrar agora. Volto a Vigo, ó aconchego amoroso do clan fraternal, achábase sen traballo bo nin mao, pois abandonara o que antes desempeñaba como secretario da Confraría de Pescadores. É entón cando se xuntan a necesidade persoal dun home e a necesidade histórica dunha nación. Xosé María necesitaba manter a súa numerosa familia, e Galicia necesitaba un editor á altura dos tempos, pois os tempos estaban cambiando. Entón naceu Castrelos, a segunda etapa de Castrelos, a que reclama pró seu creador o título de editor revolucionario, porque esta pequena empresa familiar representou unha auténtica revolución no libro galego. Unha revolución que precisaría un volume enteiro, e talvez non moi delgado, pra contala e analizala en todos os seus aspectos. Eu tratarei só de transmitirvos moi esquematicamente a súa esencia. Álvarez Blázquez creou en Castrelos dúas coleccións fundamentais, moi diferentes pero complementarias: coma quen di, por enriostrar metáforas, as dúas follas dunha tesoira, ou as dúas rodas dunha bicicleta, ou as dúas ás dun paxaro. Falarei primeiro da colección O Moucho, aínda que as dúas naceron xuntas, no mes de novembro de 1967, e aínda que as dúas camiñaron sempre coma as rodas dun carro, facendo o mesmo sistema de rodeiras paralelas. Ou para lelas. O primeiro título da colección O Moucho foi o agora famoso Catecismo do labrego de Frei Marcos da Portela, ou de Valentín Lamas Carvajal. Daquela non o era tanto: pouco antes de 1967, e isto seino por boca del mesmo, Xosé María propuxéralle a Galaxia facer unha edición popular do Catecismo do labrego, e fóralle contestado, máis ou menos, que se acaso poderíase facer unha edición para bibliófilos de trescentos exemplares, coma as de Monterrey. En novembro de 1967, Xosé María fixo unha edición de 3.000 exemplares, e o éxito foi tan fulgurante que en febreiro do 68 tivo que facer a segunda, xa de 5.000, como a maioría das doce que aínda seguiron. Así a ollo, 70.000 exemplares ou cerca, polo menos 60.000, que probablemente foron lidos por medio millón de persoas, porque aquel era un libro que se prestaba seguido, sobre todo nas aldeas. O Catecismo do labrego foi o primeiro libro que entrou, non o primeiro libro en galego senón o primeiro libro, fóra dos escolares, que entrou en milleiros de casas de Galicia. E por que tal milagre? Aínda que pareza mentira, por razóns en gran parte políticas. Como sabedes, o Catecismo do labrego, publicado por primeira vez en 1888, é en substancia unha crítica do sistema caciquil da Restauración borbónica; pero os lectores de 1967 e dos anos seguintes líano coma se fose unha crítica do feo, canallesco, repugnante cacicato franquista; disto son eu testemuña, porque vendín moitos centos de exemplares en vilas e feiras, e así era como o recibían aquelas boas persoas que nolo quitaban das mans, non tan inxenuas como poida parecer. En 1980, Xosé María dicía nunha entrevista: «Eu non botei a andar
Nº 369 106