XOSÉ MARÍA ÁLVAREZ BLÁZQUEZ, EDITOR REVOLUCIONARIO Darío Xohán Cabana
É posible que me repita agora, e mesmo que repita cousas que dixeron aquí Manuel Bragado e Víctor Freixanes, porque de Xosé María Álvarez Blázquez como editor xa escribín e falei moitas veces, e desde hai moitos anos; pero iso non me preocupa se así podo concibir a esperanza de contribuír a salientar e fixar o grande e decisivo papel que na historia real da cultura galega cumpriu o home que en 1967, xa moi cocido na vida e noutras aventuras editoriais, puxo en marcha un proxecto revolucionario que se chamou Edicións Castrelos, proxecto único e asemade bicorne, coas dúas poderosas esgallas que eran a colección O Moucho e a colección Pombal. Sabemos que Álvarez Blázquez foi editor vocacional desde que era un raparigo, pois, como nalgún sitio salienta belamente o seu fillo Xosé María Álvarez Cáccamo, xa cando andaba aprendendo pra poeta preparaba os seus manuscritos con deseño librario e, a falta de máquina de escribir, con letra de imprenta. Sabemos tamén que en 1932 fundou con outros poetas e artistas de Pontevedra a revista Cristal, en cuxa dirección tomou parte importante. Esta dirección, xaora, non era só literaria, senón que implicaba tamén as tarefas técnicas da edición; e esta tarefas de edición tampouco non eran xa novas pra el, pois aquel mesmo ano editara, en edición de autor probablemente sufragada pola súa familia, o libro de poemas Abril. Anos despois, en 1935, escribiríalle unha carta a Ánxel Casal, publicada este ano de Xosé María na excelente web do seu fillo Celso, onde mostra uns bos coñecementos técnicos do mundo da edición e da imprenta. Pero en 1935 non só tiña eses coñecementos técnicos senón que xa tiña tamén plans editoriais, e por certo ben ambiciosos. Co encabezamento de «insomnio dunha noite esperanzada» , sen data expresa pero con características que segundo o seu fillo Pepe apuntan sen dúbida cara ó 1935, consérvanse no arquivo familiar cinco cuartillas manuscritas polas dúas caras que conteñen un proxecto editorial verdadeiramente ambicioso, un proxecto que incluía dúas liñas. Unha desas liñas, xa cerrada polo tempo, levaría o nome de Biblioteca Clásica Galega, e constaría de trinta tomos, cuxos contidos se enumeran detalladamente, en formato cuarto maior e coa posibilidade de dobre edición, unha en papel ordinario e outra de luxo. O proxecto editorial implica ó mesmo tempo un proxecto intelectual de amplo folgo, e desde logo colectivo, pois Álvarez Blázquez postula edicións críticas dos Cancioneiros, da Crónica Troiana e da Historia Troiana, dos Miragres de Santiago, da Crónica Xeral, e en xeral de todos os textos medievais en lingua galega, incluíndo un volume cunha selección de documentos notariais, que sería o tomo XX.
97 Nº 369