BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Estudos e investigacións sobre Xaquín Lorenzo Fernández
onde a familia pasaba as vacacións e tamén porque alí coñeceu a vida e os costumes campesiños:
[...] Nós alí non eramos os fillos do señorito. Os nosos compañeiros eran os fillos dos labregos cos que andabamos; recordo ir con eles roubar froita á nosa propia horta, na que podiamos coller o que quixésemos sen ir roubar, pero a gracia estaba niso, precisamente. Asistimos a todas as faenas comunitarias do campo, tiñamos un mallo máis pequeno [...] Así funme pondo en contacto co campo de Galicia. E vía que ao chegar a Ourense para retomar os estudos, os rapaces da cidade descoñecían completamente o que era o campo [...] (FERNÁNDEZ LÓPEZ, R., 1984).
A influencia do pai, José Laurentino, coñecido polo pseudónimo de Tabarra, será notoria, tanto nel como tamén no irmán Xurxo. En Compostela, onde cursa Dereito, colabora na revista estudiantil Café con Gotas, en particular dende o ano 1892, sobre todo con caricaturas e cadros humorísticos, aínda que tamén insire algúns textos. Publica artigos noutros periódicos, como El Liberal (Madrid), Barcelona Cómica, La República (Ourense), Solidaridad (Vigo), La Asociación (Vigo), La Lucha (Vigo), El Socialista (Madrid), etc. Un cadro humorístico seu, ?En el baile nacional?, acadou o segundo premio de caricaturas do xornal madrileño El Liberal, en 1903, o que lle deu sona de bo debuxante. Tamén é autor de dous folletos redactados, segundo parece, por encargo da Juventud Socialista de Ourense: Nuestras ideas e El Régimen Socialista. Faleceu novo, ós 52 anos, o 27 de novembro de 1923, constituíndo o seu enterro un acontecemento na cidade pola gran cantidade de xente que acompañou o cadaleito ata o cemiterio de San Francisco, como daba conta ó día seguinte o xornal ourensán La Zarpa:
[...] figuraban obreros de los distintos gremios, que a pesar de ser hora de trabajo, acompañaron al cadáver hasta la morada postrera [...] (GONZÁLEZ PÉREZ, C. 2003: 41).
Vicente Risco, que naceu na mesma rúa da Paz, na casa de enfronte e, polo tanto, sabía ben de como se desenvolvía a familia Lorenzo Fernández, afirma ó referirse ó proxenitor:
[...] Moi logo encomenzou tamén as súas leituras, guiadas e escollidas polo pai, que tiña unha bibrioteca ben fornecida de libros bós. O pai era quen lle'iba dando os libros aos dous irmáns, formándolles o gusto, dende pequenos, e evitando que lêran parvadas. Así que tiveron dende logo iste precioso auxilio. Os rapaces eran pau de obra, mais foron de cote ben guiados e coidados con sabencia polo amor inteligente dos seus pais [...] (RISCO, 1934: 63).
Tamén foi el quen se encargou de ensinarlles ós dous fillos a ler, a escribir e a contar, por iso dicía nunha entrevista Don Xaquín:
[...] Eu en realidade non fun nunca á escola porque o meu maestro foi sempre o meu pai. Unicamente unha tempada antes de ingresar no Instituto, dixo meu pai: ?Bueno, vas ir ó colexio este, ós Villares?, rexido por don Amador e don Saturnino Villar, ?con obxecto de que te poñas en contacto con outros rapaces que son os que van ser compañeiros teus de
Nº 365
176