X. M.ª ÁLVAREZ BLÁZQUEZ, HISTORIADOR DA CIDADE DE VIGO Xosé R. Barreiro Fernández
Da Real Academia Galega e da Universidade de Santiago de Compostela
Non gocei, e ben que o sinto, da intimidade con X. M.ª Álvarez Blázquez. Conservo del algunhas cartas, ben agarimosas por certo, agradecéndome a cesión e uso dalgúns documentos que lle procurei. Merquei algúns libros na súa tenda cando por algúns meses fun profesor do Colexio Universitario de Vigo e vendo o que eu elixía e o que lle preguntaba sobre libros fitoume cunha mirada profunda coma descubrindo en min unha alma xemelga da paixón bibliográfica. Estes breves contactos son insuficientes para intimar cunha persoa aínda que el coñecía a miña obra e, por suposto, eu a súa. Explico iso para que o lector deste artigo entenda que os xuízos e valoracións que eu faga da obra histórica de X. M.ª Álvarez Blázquez non están mediatizados e moito menos condicionados pola intimidade ou pola amizade. 1. AS HISTORIAS DA CIDADE DE VIGO A poboación de Vigo está ausente das obras históricas escritas e publicadas nos séculos XVI e XVII cunha intención apoloxética do Reino de Galicia fronte á desmesurada campaña iniciada na Corte contra Galicia e os galegos1. Molina só cita Vigo nunha ocasión e de pasada2, desaparece totalmente da obra manuscrita dos irmáns Fernández Boán3, e as referencias a esta cidade son practicamente inexistentes nas obras do P. Gándara4. Parece ser que a finais do século XVI alguén redactou unha sumaria descrición da vila, sen achega documental ningunha, que foi utilizada polo P. Flórez pero que se perdeu5. Da escasa entidade da poboación de Vigo nestes dous séculos faise eco X. M.ª Álvarez Blázquez:
Recorriendo con espíritu crítico las páginas de nuestra historia, muchas veces nos encontraremos ante la evidencia de que a Vigo le faltó muy poco para ser borrado del mapa: pestes desoladoras, hambre, invasiones, incendios e incluso la destrucción total, a manos de las vesánicas huestes de Drake, fueron otras tantas ocasiones en que la vida de Vigo era apenas un hilo, un soplo, un aliento, una elemental y terca voluntad de permanecer.6
As investigacións demográficas da profesora González Muñoz coinciden bastante con esta literaria apreciación do noso autor7. Por iso os vigueses non se deberían escan67 Nº 369