PRESENT A C I Ó N
ando este número 367 do Boletín da Real Academia Galega, relativo a 2006, se atope cos seus lectores, xa esta publicación terá feitos os seus primeiros cen anos. Non son moitas as publicacións periódicas que resisten o paso dos anos ata chegar ao número mítico e redondo do século. Nesta longa singradura como voceiro e cabeceira da institución académica foron moitas as desventuras e azares polos que atravesou, case sempre azoutado por ventos diversos, moi poucas veces tivo oportunidade de navegar por augas encalmadas. Esta resistencia cultural do Boletín, que será doadamente conmemorada no próximo número, garda un moi estreito paralelismo co periplo da institución que representa, que remontou ao longo da súa historia dificultades de todo tipo. No ano 1949 a Asociación Iniciadora e Protectora da Real Academia Galega, con sede na Habana, organizou nos salóns do Centro Galego da capital cubana unha exposición cultural que tiña como referencia esencial as publicacións máis representativas de Galicia, das que ademais publicará os índices correspondentes. Das revistas expostas ?Boletín de la Real Academia Gallega, Boletín de la Universidad de Santiago, Cadernos de Estudos Galegos, Boletín de la Comisión de Monumentos históricos y artísticos de Lugo, Boletín de la Comisión de Monumentos históricos y artísticos de Orense, Boletín del Museo Arqueológico de Orense, El Museo de Pontevedra soamente dúas, a primeira e a última das citadas, seguen a ter vida actualmente. A figura homenaxeada nesta ocasión, D. Manuel Lugrís Freire, que foi presidente da Real Academia Galega, representa coma ninguén as arelas dos galegos dunha e outra banda do océano. Como emigrante, levou con orgullo o nome de Galicia e a súa condición de galego polo mundo adiante. Lugrís representa, xa que logo, a importancia que o mundo societario da emigración tivo na xestación e desenvolvemento da cultura galega e da propia institución académica. Entre os estudos que se lle dedican a Lugrís Freire na primeira parte desta entrega do Boletín, ademais de destacar o seu compromiso e militancia, coidouse especialmente a súa faceta teatral (as profesoras Laura Tato e Iolanda Ogando), a súa dedicación xornalística (Luís Alonso Girgado), a narrativa (Xabier Campos Villar) e a máis ocasional de gramático (Ernesto González). Tanto o texto de Manuel Lugrís, neto do homenaxeado, como os textos institucionais a cargo dos académicos Ferro Ruibal, Neira Vilas e Xosé L. Axeitos, inciden en diversos aspectos biográficos e complementan a personalidade ética e estética do escritor. O apartado de Estudos e Traballos de Investigación recolle os artigos de Rosario Álvarez Blanco e José L. Rodríguez Montederramo (Un prego solto en galego en defensa do liberalismo: ?a parola poléteca? (1822), e de Ramón Mariño e Damián Suárez (Ó apóstol Santiago, manuscrito e impreso en galego do século XIX). Tamén se insire neste apartado o artigo póstumo do profesor Pensado, que forma parte dunha extensa serie de apuntamentos eruditos destinados a un futuro diccionario. Debemos á súa viúva, dona Enriqueta Ruiz, que nolos fixo chegar a través de X. L. Axeitos, a posibilidade de incluílos no noso Boletín. A sección oficial recolle a necrolóxica do académico numerario Xulio Francisco Ogando Vázquez a cargo do profesor Marcos Valcárcel, seguida da crónica da Real Academia Galega, un resumo das principais actividades da institución ao longo do ano 2005.
C