Estudos e investigacións sobre Xosé María Álvarez Blázquez
BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
nai e aos seus irmáns, que deixan Tui o 21 de abril de 1941, vendendo aos herdeiros de Serafín Fernández Costas, compañeiro nas ilusións republicanas e na morte, a casa do Rollo, ?a vella casa ao corazón aberto?. En 1942 Xosé María solicita a excedencia voluntaria, deixa Coreses e trasládase a Vigo coa súa familia. Inicia logo unha nova e fecunda xeira na súa vida, que non é o obxecto deste traballo. Unicamente salientar que Tui seguirá sendo unha referencia vital irrenunciable na vida da familia e na traxectoria de Xosé María Álvarez Blázquez. 2. AS SÚAS ACHEGAS SOBRE TUI Na prolífica obra de Xosé María Álvarez Blázquez, tanto a publicada como a que estaba inédita ata este ano, hai un significativo número de estudos e traballos referidos a Tui e a súa bisbarra que evidencia as súas raizames, ás que nunca renunciou. Sinalaremos a continuación catro liñas de traballo vencelladas de xeito directo coa súa cidade natal: a) A creación e a investigación literaria: A casa do Rollo tiña unha boa biblioteca que o pequeno Xosé María emprega con asiduidade, pero xa con criterio, coma cando sinala no xa citado ?Inquérito? (1936) a súa afección dende neno pola poesía engadindo que dende os dez anos compón versos ininterrompidamente A influencia do ambiente familiar, e nomeadamente da súa nai, a súa sensibilidade, a súa capacidade creativa agroman precozmente. Conservamos hoxe o que temos como o seu primeiro poema ?Queixas? datado en Tui no 24 de decembro de 1927, cando Xosé María contaba con doce anos de idade! Consérvase outro poema infantil, asinado en Tui o 22 de xuño de 1928, que evidencia novamente a precocidade deste neno de trece anos, pois desta volta o poema amosa xa unha constante da obra de Xosé María Álvarez Blázquez, a súa querenza pola lírica popular, polos versos do pobo. Titúlase, como xa apuntamos anteriormente, este poemiña ?A Campana da miña igresia?. Xa en Pontevedra, pero precozmente, en 1932, publica o seu poemario Abril, no que figuran os poemas ?Tyde?, ?Vesper? e outros versos que reflicten a presenza tudense, das súas xentes e paisaxes. Nese mesmo ano, 1932, Xosé María inicia outra aventura literaria neste caso a fundación xunto ao seu amigo Xoán Vidal Martínez da revista literaria Cristal. Nela publica doce poemas e un texto breve en prosa. No número 2 publica o seu primeiro texto literario en galego ?O merlo poeta? e, cómpre non esquecer, pola súa calidade, o publicado en 1933 ?Inmensidade?, dedicado aos mariñeiros da Moureira pontevedresa. No número 7 publica Xosé María uns sinxelos versos, de raizames populares, titulados ?Semblanzas de santos? que encabeza cos seguintes:
San Pedro González Telmo: caballero de los mares sin armadura ni yelmo.
235 Nº 369