Estudos e investigacións sobre Manuel Lugrís Freire
BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
A fantasía e o idealismo cos que rodeaba todas as súas cousas é un denominador común na vida de Lugrís. Definitivamente asentado na Coruña, atopámolo como pioneiro da fotografía, participando na fundación de sindicatos, e dinamizador da cultura na época iniciática do teatro galego en prosa, do que el é o seu creador nos primeiros anos do século XX. Son tempos de reconciliación consigo mesmo e que intentan atopar un punto de encontro coa súa propia personalidade logo do tremendo golpe que supuxo a morte da esposa. Nese rexurdimento persoal entran as relacións de amizade que mantén na Coruña con Manuel M. Murguía, co que adoita dar case diarios paseos ?hixiénicos?, como el os denomina, polas obras do recheo da Mariña e a asistencia habitual ao parnaso das letras locais, co pintor Germán Taibo e un rapaz entregado á causa galeguista cun entusiasmo equiparable ao seu, Xenaro Mariñas del Valle así como cos compañeiros de faladoiro da ?trastenda? de Eusebio Álvarez na rúa de San Nicolás, que configuran, nestas primeiras décadas coruñesas, o seu círculo de íntimos. Que podemos completar coa participación no famoso faladoiro da Cova Céltiga na coruñesa rúa de Rego da Auga, na Librería Regional de Uxío Carré, á que asistían o xa mencionado Murguía, Pondal, Martínez Salazar, Francisco Tettamancy, grande amigo e padriño do seu fillo Manuel, Estrada Catoira, Salvador Golpe, Manuel Banet, Galo Salinas etc., que constituirá o núcleo básico da estrutura cultural autóctona naquela época e que había dar paso a toda unha adoutrinación nacionalista que aínda ten as súas influencias na actualidade. Lugrís foi un verdadeiro dinamizador daquel cenáculo de intelectuais, que tivo, por outra banda, unha decisiva importancia na súa formación galeguista como el mesmo confesa cando escribe: ??a sagrada escola en que se puliron e nidiaron os meus coñecementos; en que afincaron o meu amor e a miña decisión a favor da patria?. Asemade lemos na Historia da Literatura Galega de Fernandez del Riego:
As xuntanzas alí realizadas chegaron a ter un interesante significado. Os escritores galegos daquel tempo, atraidos polas publicacións e as tertulias de Madrid, onde esplendía o modernismo, arelaban facer unha literatura de Galiza en lingua castelán. E, fronte desta actitude negadora dos valores expresivos da fala propia, a Cova Celtiga trocouse en fogar, case único, no que se conservaba acesa a chama das esencias da lingua propia.
Como xa dixemos, en 1903 é o copatrocinador da Escola Rexional de Declamación, sete meses máis tarde, é nomeado presidente substituíndo a Galo Salinas. Esta institución cultural comparece por primeira vez ao público no Teatro Rosalía de Castro da Coruña. Desavinzas posteriores sobre os criterios para a escolla das obras, consistindo na exclusividade literaria para Salinas, e o teatro de denuncia e compromiso coa realidade social do país para Lugrís, enfronta unha controversia que remata coa imposición das teses deste último que, paralelamente, enceta unha frenética actividade creativa que o leva a contribuír con varias obras dramáticas ao repertorio da Escola: A Ponte, que inaugura o teatro galego en prosa (1903) e Mareiras, do ano 1904 e reeditada en 1923, que
67 Nº 367