Traballos de investigación e estudio
BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
3.2. A RELACIÓN LITERARIA ENTRE ISIDORO MILLÁN E RAMÓN CABANILLAS COMO ?TRADUCTOR? DOS POETAS CLÁSICOS Ó GALEGO En 1955 a editorial Bibliófilos Gallegos, de Santiago, publica, de Cabanillas, Versos de alleas terras e de tempos idos (Paráfrasis galgas). Así pois, nin o autor nin o editor ofrecen estes versos como traduccións senón como paráfrases. Prológaas o director da editorial, Francisco Javier Sánchez Cantón, que afirma: ?A comprensión dos crásicos é froito da vida feita [...]; por iso Cabanillas dende a cima acerta como poucos ó encararse coa poesía de Grecia e Roma?. O libro consta de tres partes: ?Parte I: Paráfrasis do grego?. Poemas de Safo, Anacreonte (o máis presente), Meleagro, Mosco, Baquílides e, dun anónimo, ?A canción da anduriña?. ?Parte II: Paráfrasis do latín?. Poemas de Marcial (moitos: 32), Ovidio, Estacio, Tibulo, Propercio e Fedro. ?Parte III: Varia?. Poemas de Goethe, Schiller, Heine, N. Niembsch, Franz Werfel, Byron, Tennyson, Longfellow, Oliver Goldsmith, John Payne, Leigh Hunt, W. Jones, Sara Hower Adams, John Wesley, Oscar Wilde, Cristina Rossetti, Anónimo (?Balada escocesa?), Baudelaire, Richepin, T, Gautier, Moréas, J. Soulary, Semain, E. Verehaeren, J. B. Guarini, Carducci, Bértola di Giorgi, Gaspara Stampa e AbenAmur. Como poema final figura un de Cabanillas, ?Vida, pasión e groria do trigo?, que o autor nos ofrece como unha curiosa paráfrase con este encabezamento: ?Axeitada arredor da versión da señora Carmela a dos Trapos, vendedora de castañas da ola, na vila cambadesa?. Non é obxecto deste estudio facerlle preguntas á Parte terceira protagonizada por autores de lingua alemana, inglesa, francesa e italiana (¿árabe tamén?), linguas coas que don Ramón tiña pouca familiaridade. O que importa no presente traballo son as dúas primeiras partes, sobre as cales elaborei, en 1991, un inquérito ó que Isidoro Millán respondeu, nalgúns epígrafes, moi polo miúdo (2891991). 3.2.1. O meu inquérito de 1991 e as respostas de Isidoro Millán Oito eran os epígrafes da miña enquisa sobre Cabanillas e os clásicos, na súa maior parte centrados na ?traducción? dos poetas gregos e latinos do insólito libro de 1955.
I P.? Falamos, naturalmente, de Versos de alleas terras e de tempos idos (Santiago, Bibliófilos Gallegos, 1955); máis concretamente, da parte I (paráfrases do grego) e da II (paráfrases do latín). ¿É correcto o de ?paráfrases?? R. ? Ramón intitula Paráfrasis do Grego, ou do Latín, a cada unha das Partes, I ou II, do libro, cos autores incluídos. O por el así nomeado, no meu convencemento, é o respectivo conxunto, non singularmente todas e cada unha ?paráfrases? das versións comprendidas en calquera das dúas. Quería, pois, dicir: ?I Parte: Versión libre do grego? e ?II Parte: Versión libre do latín?.
239 Nº 364