BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Traballos e investigación sobre outros temas
estremeiras do occidente de Asturias, León e Zamora. A isoglosa do plural cas / cais (sg. can) delimita o bloque central do oriental, mentres que a isoglosa das formas aditongadas (pedra e porta) e das formas sen n intervocálico (chao e pantalois) permiten delimitar todo o galego oriental verbo do asturleonés occidental, que presenta palabras ditongadas (piedra e puorta ~ puerta) e mantemento dese n (chano ~ llano e pantalones) 5.
2.1. Galego oriental As falas do bloque oriental do territorio lingüístico galego teñen os seguintes trazos caracterizadores6: a) Ditongo oi en oito e noite, pero ditongo ui en muito 'moito' e truita 'troita' (ou ben muto e truta, mutio e trutia). b) Conservación do u en cuatro 'catro', cuando 'cando' e guardar 'gardar', como tamén ocorre en case todo o galego ourensán e nas falas do Baixo Miño. c) Formas baxo, caxa e faxa no canto das maioritarias baixo, caixa e faixa. d) Terminación ín en camín 'camiño', lin 'liño', agás no galego das Portelas de Zamora e nas falas ourensás orientais que presentan a solución iño do galego común. e) Plural en is nas formas polisílabas agudas rematadas en l no singular como animais e caracois, que son formas do galego estándar a pesar de seren moi minoritarias xeograficamente. No galego de Asturias e falas de Lugo veciñas o xeral é o mantemento do ?L?. f) Plural en is dos nomes rematadas en n como cais e pantalois. g) Formas partiuo, deixouo e canteio (agás no galego de Asturias e Ancares de León) no canto do galego común partiuno, deixouno e canteino. h) Formas verbais con desinencia n na P1 do perfecto da CI (cantein ~ cantén 'cantei'), nos futuros (cantarein ~ cantarén 'cantarei'; collerein ~ collerén 'collerei') e na P1 do presente de verbos irregulares (hein ~ hen 'hei'; sein ~ sen 'sei') na maioría das falas do bloque oriental. Na estrema de Lugo co Bierzo, ademais, rexístranse formas como don 'dou'; estón 'estou' e von 'vou', propias tamén da occidental área fisterrá. i) Sufixo de número e persoa is maioritario (cantais, cantábais), en concorrencia con des do galego común, especialmente no galego de Asturias. l) Formas verbais con vocal temática fais, fain 'fas, fan'; pois, poin 'pos, poñen'; teis, tein 'tes, teñen' e veis, vein 'vés, veñen'. m) Radical arcaico fec e fic no tema de perfecto de facer, en concorrencia co innovador fix do galego común: fecen, ficen, fixen... fecera, ficera, fixera... No galego do Bierzo predominan as formas con fix xerais en galego. O bloque oriental confórmano catro áreas lingüísticas: a) asturiana, que abrangue a maior parte da Terra EoNavia e o concello lucense de Negueira de Muñiz na estrema con Asturias; b) ancaresa, que comprende os Ancares de León; c) zamorana, que abrangue os concellos de Zamora e o ourensán da Mezquita; d) orientalcentral, onde se inclúen as falas do galego oriental non encadrados nas tres áreas citadas.
Nº 363 328