25.07.06
E
xcmas. e Ilmas. autoridades. Querido presidente e distinguidos membros da Real Academia Galega. Señoras e señores: Prodúceme unha especial satisfacción poder presidir este solemne acto de entrega da Medalla de Ouro de Galicia, coa que a nosa Comunidade autónoma honra este ano, o día mesmo en que celebra o seu Día Nacional, á Real Academia Galega. A concesión e entrega desta medalla expresa o recoñecemento de Galicia á traxectoria dunha das súas institucións máis perseverantes, representativas e valiosas. A Real Academia Galega vén unirse así á selecta relación de persoas e entidades que dende hai 22 anos se fixeron acredoras a esta distinción polos seus servizos a Galicia ou polas súas demostracións de amizade cara ao noso país. A relación de dedicación e entrega que a Academia vén mantendo coa causa da lingua e da cultura de Galicia dura xa cen anos. A historia da institución camiña de par da historia do país e do seu devir cultural e reflicte tamén as azarosas circunstancias polas que este tivo que transitar. É importante, como xa fixo o señor Barreiro Fernández, lembrar as orixes desta institución, non tanto por razóns de inventario histórico como por termos moi presente que o nacemento da Real Academia Galega está estreitamente vencellado á Galicia de alén mar. Nomes senlleiros da emigración galega en Cuba, periodistas e escritores coma Waldo Álvarez Insua, Fontenla Leal, Manuel Lugrís Freire e Manuel Curros Enríquez actúan dende La Habana como fundadores ou impulsores da Asociación Promotora da Academia, outorgándolle a dirección e a eficacia necesarias ás iniciativas que se viñan sucedendo dende 1886 co propósito de crear un organismo para a unificación e normativización do idioma galego. O impulso chegado dende Cuba atopou correspondencia na cidade da Coruña, onde o galeguismo reunido en torno
229
Nº 368