Estudos e investigacións sobre Manuel Lugrís Freire
BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
cias e que é unha mostra do espírito lusista que aniñaba no seo das Irmandades en consonancia coas teses pondalianas. No mesmo escenario, o acto galeguista en decembro de 1931 e o que dá en San Tirso de Mabegondo, con Castelao e Suárez Picallo en 1932 durante a campaña do Estatuto, no que falou da inxustiza tributaria que atinxe a Galicia, a reforma agraria, o estatuto do viño, o ferrocarril Zamora A Coruña, a introdución de madeiras exóticas, o gando portugués de contrabando e outros temas daquela actualidade como o do novo caciquismo republicano tan nefasto para os intereses galegos como o do antigo réxime. A súa faceta de escritor é complexa, heteroxénea e dominadora de moitos xéneros. Á parte do teatro, importante é a poesía e a prosa cultivada, sobre todo no relato breve, no conto, que traballou baixo o alcume de Asieumedre e, que acada tal natureza, que remata por ter un certo sentido propio como unha especie de heterónimo sen logro que queda na simple exposición de principios. Na edición de 1970 da Colección O Moucho, dise na Nota dos Editores.
Non escribe Lugris ao xeito do doutrino encastelado, con acentos mais ou menos troantes, non. El, suavemente, sinxelamente, nunha linguaxe galana e expresiva, lévanos da man diante dos aldraxes da inxustiza, os abusos do caciquismo, os traballos do labrego, as angustias do mariñeiro e, coma quen presenta un cadro vivido, turra da cortina, para dicir que aí tedes o caso, agora tirade vos a insinanza.
As páxinas d'A Nosa Terra conteñen moitas narracións, baixo o epígrafe xeral de ?A Carón do Lar?, escasamente difundidas posteriormente ou que foron compostas para seren exclusivamente publicadas nese periódico, xa que os máis coñecidos son os oito relatos publicados por primeira vez en 1908 co título de Contos de Asieumedre, a un prezo de setenta e cinco céntimos o exemplar, un de tantos pseudónimos que se deu a si mesmo como xa deixamos denantes dito pois, ademais do tamén xa indicado de L.U.Gris, empregou ao longo da súa vida, outros como Roque das Mariñas, K.Ñoto ou simplemente, M.L.F. En calquera caso os Contos, que teñen unha segunda edición en 1909, son relatos que conteñen unha caste de ensinanza sinxela pero directa no seu final. Narracións didácticas de corte inocente e case infantil as máis delas, pero co sabor, tamén directo, da vida campesiña e dos diversos aspectos das problemáticas cotiás daqueles tempos en Galicia e das que algunhas xa foran publicadas na revista bilingüe Airiños da Miña Terra na Habana e que teñen continuidade nunha segunda entrega cun volume de 28 traballos do mesmo corte ca os anteriores. Constitúen, ambos, unha especie de caleidoscopio de costumes que son un precedente do que farán Castelao e Cebreiro cos seus célebres debuxos anos máis tarde. A poesía resulta máis intensa e reveladora dos diversos estados de ánimo que aturou durante a súa vida. Logo de Soidades e Noitebras, que viron a luz ao fío do cambio de século, hai que agardar a 1919 en que publica Versos de Loita, cun arreguizado limiar no que analiza, baixo a carátula falsa do editor, con gran senso crítico, a posición oficial a
71 Nº 367