BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Manuel Curros Enríquez
3. Modalización lírica e tipoloxía discursiva Os poemas de Aires da miña terra amosan unha rica variedade de estratexias enunciativas, proba, sen dúbida, do hábil manexo que o noso poeta fai da modalización lírica, sempre á procura da meirande eficacia receptora do seu discurso. As composicións do ámbito do eu responden, obviamente, á tipoloxía dun discurso persoal, isto é, no que o falante poemático patentízase como suxeito (figuración actorial). Mais no marco dese discurso persoal, con exemplos de tanto relevo como ?Na morte da miña nai?, ?Ben chegado?, ?¡Ai?!? ou ?Tempro deserto?, aparecen variantes e modulacións de moi rechamante interese. Por exemplo, na elexía tan intensa que dedica á súa nai, moita da dramatización poemática, á parte dos propios formantes do contido, débese ó acerto da montaxe apostrófica, das modulacións da tensión apelativa que o falante e suxeito focaliza sobre unha serie de tiles líricos. Así, e nese abano de variacións, hai, dunha banda, unha apóstrofe de prego (de feito, unha especie de diálogo interior) que o eu dirixe á súa musa pedíndolle abeiro para a dor e o desamparo que o conmove (?choveu por mín chuvia de sangue, e traio / frío nos osos?); hai, logo, unha apóstrofe de enxalzamento proxectada sobre a figura da nai morta, xustamente para dar visualización, dende o recordo, á súa imaxe garimosa, de amor e bondade; e hai, en fin unha apóstrofe da confidencia na que o fillo, en canto suxeito da perda ou privación, invoca á nai para manifestarlle o seu laio, o seu estado de íntimo desacougo e desolación (?caíu sobre a miña alma eterno loito; / todo me amarga, hastra o aire que respiro; / dáname todo?). Desta maneira, pois, a apóstrofe lírica moviliza e modula unha moi complexa función patética dramatizadora da elexía, con esta articulación (e tipoloxía) no poema:
DISCURSO PERSOAL APELATIVO EU (fillo)
apóstrofe lírica
? prego ? enxalzamento ? confidencia
ti, musa ti, nai ti, nai
Máis complexa aínda é a modalización de outro poema do ámbito do eu (?Ben chegado?), o que dedica ó nacemento do seu primeiro fillo (Adelardo, 1873). Unha complexidade, agora, dada polo uso, dunha parte nas cinco estrofas primeiras dunha actitude de linguaxe de canción propia dun discurso persoal egotivo, centrado na intimade do suxeito, que dese modo vai manifestando (función emotivoexpresiva) toda a súa vibración sentimental ante o fermoso acontecemento que está a vivir. Despois, e nas seguintes catro estrofas, varíase a un discurso apelativo cunha apóstrofe
Nº 362
184