Estudos e investigacións sobre Xaquín Lorenzo Fernández
BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
muíños de maré. Coa súa clásica capacidade descritiva e de síntese, estuda o muíño de maré da Illa de Arousa. Nos debuxos que complementan o texto aparece o pozo de caldeira, propio deste tipo de muíños, onde se acubilla o rodicio capaz de poñer en funcionamento as pezas de moenda do gran. 1962. Etnografía. Cultura material, vol. II da Historia de Galiza, dirixida por Ramón Otero Pedrayo. Editorial Nós, Buenos Aires. 742 páxinas e 514 imaxes gráficas (298 figuras de debuxos, moitas delas integradas por varios, e 215 fotografías). 1963. ?O mazo, a trompa e a moa?, Actas do 1º Congresso de Etnografia e Folclore, Braga, 1956, Lisboa, 1963, vol. II, pp. 175181. Tres debuxos. A manufactura do ferro nas vellas ferrerías é o estudo que aquí se fai, tomando como referencia unha das últimas factorías tradicionais do ferro, a ferrería da parroquia de Ferreira Vella, no concello lugués de Riotorto. A ferrería é a edificación onde se acollen o mazo para golpear o ferro, a trompa, artiluxio que produce aire para avivar o lume, e a moa, especie de bruia, roda vertical con aspas que, como nas aceas, xira ao bater a auga contra elas facendo dese xeito subir e baixar o mazo. Os cumpridos debuxos que van co texto axudan a un mellor entendemento dos tres elementos. No libro Etnografía. Cultura material, nas páxinas 536 á 542, vén con debuxos distintos e co texto un pouco diferente. 1973. ?Metamorfosis de una casa castrexa?, Trabalhos de Antropologia e Etnologia, XXII, Porto, pp. 225229. Un debuxo e dúas fotografías. Estudo da transformación dunha casa castrexa de Castromao (Celanova), de planta circular a planta rectangular, con paulatina evolución das esquinas primitivas curvadas a formas en ángulo, co obxecto de lle dar ao encontro dos muros unha maior consistencia e trabazón. 1976. ?El sobrado?, Boletín Auriense (BA), VI, Ourense, pp. 305316. Trece figuras con catorce debuxos. Monografía na que se estuda a parte da casavivenda (aínda que tamén a hai noutras construcións como o combarrizo ou a palleira), chamado comunmente sobrado que, segundo a zona xeográfica, pode ser o andar primeiro destinado a dependencia da vivenda ou para utilizar para diversos usos, para diversificar ambas funcións ou o espazo que queda debaixo do tellado. Adquire varias denominacións: desván, canizo, quenzo, faiado, faio, rocho, trabuleiro, barra, sobrado, solaina, madureiro, sequeiro?, aínda que algunha delas non se aplica indistintamente senón que responden ao uso que se faga desa dependencia. Analiza os seus antecedentes e as etapas evolutivas dende o seu nacemento. Considera que pode proceder da barra das pallozas, pasando a ser o sobrado con orixes distintas, en función de que sexa consecuencia da construción da casavivenda térrea ou un engadido que se lle fixo deliberadamente para dotala dun servizo máis ou, por último, o primeiro andar producido polo seu desenvolvemento cara a arriba.
33 Nº 365