Estudos e investigacións sobre Xaquín Lorenzo Fernández
BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
CODA Nestes e noutros testemuños, por se non abondara coa súa xigantesca e exemplar obra, Xaquín Lorenzo, investigador entregado ao país que o viu nacer, ademais de deixarnos un legado de incalculable valor deixounos unhas liñas de actuación futuras doadas de enxergar. A semente concienciadora propiciada pola divulgación da súa obra e da dos seus continuadores, vai calando paseniñamente en diversos segmentos da sociedade civil, dos profesionais e centros de ensino e, tamén, dos poderes públicos. Nos tempos actuais do non hai moito comezado milenio, hai cada día máis sectores da sociedade que se empezan a interesar e valorar as construcións creadas polos seus devanceiros. Iniciativas de colectivos de diverso signo propugnan a defensa da cultura popular ?entre as que a fervenza de creación de museos ou coleccións etnográficas se manifesta por moitas localidades de Galicia?, a política rehabilitadora de casasvivenda e doutras construcións por parte da Adminisración autonómica, actuacións puntuais doutras administracións e unha maior toma de conciencia cara ao propio pola sociedade, están a axudar a crear unha conciencia que pode posibilitar que o patrimonio etnográfico inmobiliario ou construído, polo que tanto traballou Xaquín Lorenzo, non chegue a se converter en arqueoloxía. ÍNDICE CRONOLÓXICO DOS TRABALLOS ESCRITOS E PUBLICADOS POR XAQUÍN LORENZO RELACIONADOS COA ARQUITECTURA POPULAR Baixo este epígrafe recollemos unha relación dos traballos escritos e publicados por Xaquín Lorenzo, seguindo unha orde cronolóxica, demostrativa da permanente dedicación polo mestre etnógrafo aos temas que se encerran na denominación arquitectura popular. Ademais de pequenos traballos publicados nos números 27, 28 e 29 da revista NÓS, Xaquín Lorenzo, ben en publicacións en colaboración, ben en monografias soamente asinadas por el, publicou os seguintes títulos: 1930. Vila de Calvos de Randín. Notas etnográficas e folklóricas, en colaboración co seu mestre Florentino López Cuevillas. Seminario de Estudos Galegos, Santiago de Compostela, 1930. 76 páxinas e 59 imaxes gráficas (45 figuras de debuxos e 14 fotografías). Esta foi a primeira publicación súa de importancia, compartida con Cuevillas, onde se recolle un completo estudo sobre a parroquia ourensá de Calvos de Randín, feito coa filosofía do traballo investigador do Seminario de Estudos Galegos, que posteriormente servirá de base para outras monografías. Nela abórdase, ademais de aspectos xeográficos e paisaxísticos, prehistóricos ou folklóricos, o tratamento da cultura espiritual e material, con atención notable ás construcións tradicionais dos pazos, edificios relixiosos e das casas labregas e outras construcións, á xente, ao enxoval doméstico, vestido, mantenza, etc.
29 Nº 365