BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Manuel Curros Enríquez
CODA Tal como tentamos deixar fundamentado ó longo do noso estudio, sen romper coa escritura (socioantropolóxica) propia e caracterizadora do noso Rexurdimento, Curros abre nela unha ben diferenciada opción a poética de razón cívica e dictado realista fronte ós dous tipos de estilización (idílica / mítica) que representan a Rosalía dos Cantares e o Pondal de Queixumes. Unha poética convén remarcalo que supón a dominancia do código ideolóxico (modelizador poderoso do código literal ou temático), e, ademáis, cun código formal que, alleo a todo retorcemento retórico, acerta a dar expresión a un discurso de transparencia comunicativa e eficaz nas súas finalidades cara a recepción lectora (denuncia e razón docente). Situado o noso poeta ?entre o postromanticismo e o modernismo? como delimita Carballo Calero, esa localización explica ben as súas eleccións, os seus fundamentos creadores (como escritor moi vencellado ós signos da súa época), e val, asemade, para entender outros trazos tamén moi presentes na súa obra. Entre eses trazos, estaría, por exemplo, un forte pouso do herdo romántico, que se advirte no pulo mitificador e o misionalismo (claro que con outras orientacións, por suposto), en notas de composición e orquestración do verso (práctica rítmica), e na pervivencia caso da ?Cántiga? ou de ?Nouturnio? de determinados elementos escénicos (o gusto polos nocturnos, as paisaxes abertas e desoladas, certas tonalidades cromáticas e sentimentais, etc.). De outra banda, as súas eleccións (dende o marco epocal citado) evidencian que Curros permanece radicalmente alleo ós principios da lírica moderna e ó desenvolvemento do grande tronco (coas súas ramallas) da tradición simbolista, vixente en Europa entre o 18671930, e que en España apunta a partir do 1896 (Prosas profanas). Entre nós, só a Rosalía de Follas Novas significará un excepcional precedente coas claves do individualismo (foco intrasubxectivo e tácticas do pudor) e o irracionalismo da expresión (fantasía dictadora), que logo desenvolverán os poetas da vangarda, co seu signo polémico ou de ruptura.26 Curros, en fin, abre na nosa historia lírica unha liña anovadora, vigorosa fusión de utopía progresista e sentimento da Terra, e o seu modelo poético vai ter momentos de forte e decisiva influencia, tal o período de transición (18901916) ou, xa máis preto, sobre a poética de signo realista e razón histórica da posguerra. En calquera caso, a súa obra a súa palabra queda coma un exemplo de autenticidade e solidariedade creadoras, voz dun poeta que soubo ser intérprete dos desposuídos da Historia, e que co seu himno quixo, sobre a opresión, erguer un fermoso canto de redención e liberdade.
A. L.C. Valencia, xaneiro 2001
Nº 362
196