BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Traballos e investigación sobre outros temas
6. A reivindicación da galeguidade lingüística do Bierzo occidental A aparición nas comarcas estremeiras coa Galicia oriental de asociacións culturais e de colectivos que especialmente desde finais da década dos 80 do séc. XX veñen reclamando o recoñecemento legal do galego e a súa inmediata introducción no ensino, así como na administración e nos medios de comunicación social, fixo que chegase á opinión pública unha problemática sociolingüística practicamente descoñecida e que moitos dos políticos, tanto en Galicia como en Asturias e en Castela e León se preocupasen desa situación. E de aí as diferentes proposicións lexislativas a que me acabo de referir.
6.1.O Bierzo A MDGB (Mesa pra Defensa do Galego do Bierzo e da Cultura da Comarca), constituída na vila de Corullón (marzo de 1990), naceu co obxectivo inmediato de establecelo galego como materia de aprendizaxe optativa no ensino primario, sen descartar outras reivindicacións coma a administración bilingüe e calquera aspecto relativo á promoción do uso social do galego nos concellos próximos a Galicia. Desde os comezos pediu o recoñecemento oficial da lingua galega pola Junta de Castela e León, á vez que criticaba as teorías ?bercianistas? defensoras dunha suposta lingua berciana, resultado da convivencia de galego e leonés, co posterior influxo castelán. En colaboración co Clube Cultural ?Adiante?, con sede en Vigo, a MDGB organizou en Vilafranca en decembro de 1990 o II Congreso da Lingua e a Cultura Galegas en Asturias, León e Zamora. As iniciativas pioneiras para a galeguización do ensino primario no Bierzo realizáronse no Colexio Público Rural Agrupado ?Jimena Muñiz? do concello de Corullón, onde nos anos 80 se introduciu o galego como lingua habitual das relacións escolares e onde se empezou a redactar en 1984 a revista escolar bilingüe A Curuxa. Nicanor Álvarez, primeiro presidente da MDGB e ensinante dese colexio de Corullón manifestaba en 1994 que a implantación do galego como materia optativa no ensino primario sería un primeiro paso para o recoñecemento da identidade do Bierzo, pois de non o facer, corríase o risco de que se perdese a lingua. A falta de estima cara ó galego era salientada igualmente polo presidente da Mesa do Bierzo nos seguintes termos:
Tradicionalmente, y aun hoy, el gallego ha sido visto como una lengua de gente inculta, de montañeses, y por eso mismo los padres siempre han deseado que sus hijos hablaran castellano, aunque en su casa se hablara gallego. Hace siete años, cuando yo entré en este colegio, si un niño decía una palabra en gallego se le obligaba a escribirla mil veces en castellano, y hace unas semanas escuché que un señor, padre de uno de mis alumnos, decía a su hijo: Se falas galego, vas cobrar (Rodríguez 1994:42).
En Vilafranca do Bierzo as iniciativas para a revitalización da lingua e da cultura galegas parten, fundamentalmente, da Asociación Cultural ?Escola de Gaitas de Vilafranca?, un dos colectivos que participou na creación da MDGB. A asociación naceu no
Nº 363 336