Alocucións académicas sobre Lorenzo Varela no Día das Letras Galegas
BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
zo Varela alternaba con todos eles, tendo como testemuñas as imaxes de Gardel, Borges, Alfonsina Storni. Un ano despois do seu regreso de México, funda con Serrano Plaja a revista De mar a mar na que colaboran nomes significativos de América como os arxentinos Norah Borges e Eduardo Mallea, o brasileiro Newton Freitas, o dominicano Henríquez Ureña, é dicir, algúns dos que logo integrarían as tertulias do Tortoni. Todos participan das inquedanzas americanistas. Plenitud de América é o título dun coñecido libro do pensador dominicano. Un ano despois nace, por obra de Seoane e Varela, Correo literario. Abonda con citar algúns nomes americanos para ver a trascendencia e influxo que estes vínculos deberon ter no noso poeta: Sábato, Cortázar, Martínez Estrada, Juana de Ibarbourou, Mario de Andrade, Enrique Amorim, Octavio Paz. Era Lorenzo Varela un home de América, sensible á historia e ao acontecer político e social do chamado Novo Mundo. Vimos de mencionar algúns datos, algunhas relacións con figuras daquel continente, ao que debemos engadir temas dos seus traballos xornalísticos referidos, poño por caso, a Pablo Neruda, Guimaraes Rosa e o Aleijandinho, por citar só tres nomes. Tíñanlle grande estima nos medios culturais de Buenos Aires. Unha noite, na casa do poeta Atilio Castelpoggi, ouvimos a Louvanza que del fixeron os pintores Berni e Castagnino, como crítico de arte e coñecedor da realidade arxentina. Persoalmente percibimos a súa inserción no mundo americano durante os sete anos que o tratamos en Buenos Aires. Falaba das culturas precolombinas e dos grandes muralistas mexicanos, e da loita de Tiradentes no Brasil, e de Bolívar, de José Martí e dos marxistas Aníbal Ponce e José Carlos Mariátegui. No periódico La razón témolo visto como un porteño máis entre os seus compañeiros, a súa fraterna camaradería con todos, e como uns e outros o escoitaban cando opinaba sobre problemas de orde social, histórica ou política dalgún país do continente. Temos coincidido con el no fogar de Maruxa e Luís Seoane. E ademais dos problemas do franquismo, da nosa emigración e da situación arxentina, era de todos nós o mellor informado sobre os temas de Iberoamérica, poñamos por caso a loita guerrilleira nas montañas de Cuba para derrubar o réxime de Batista; o Panamá hipotecado; a Venezuela do sátrapa Pérez Jiménez; a Nicaragua de Somoza, así como o grotesco Duvalier e o criminal Trujillo, e o golpe militar en Guatemala contra o goberno democrático de Arbenz. Ía valorando moi no xusto cada situación e apuntando sempre ao imperio norteño como causante destas e doutras desgrazas continentais. Así era Lorenzo Varela. Rotundamente galego e ao mesmo tempo un home de América. Dixen.
215
Nº 366