Medalla de Ouro de Galicia
Neste día e neste lugar chegamos, miñas donas e meus señores, traendo connosco cen anos de traballo e de fidelidade a Galicia. Pode parecer pouco, pero é o que temos. Foi, como en tantas outras cousas, Murguía o primeiro en soñar cunha institución que normalizara a lingua, que acollera os poetas, escritores e artistas, que sempre e en todas as partes foron os primeiros en devolverlles aos pobos o orgullo de seren eles mesmos, e que simbolizara a dignidade cultural de Galicia. Pero nin o Estado, nin as institucións administrativas galegas, nin a propia sociedade civil foron sensibles a aquel chamamento. A finais do século XIX parecía que os tempos foran chegados. Dúas personalidades gozaban da xeral estimación para liderar o proxecto dunha Academia Galega: Emilia Pardo Bazán e Manuel Murguía, pero cada un deles representaban universos intelectuais e culturais distintos: Pardo Bazán significaba o cosmopoliticismo intelectual no que a cultura galega era só unha forma estética de ser dentro da oceánica cultura española. Para Murguía, en troques, a cultura galega tiña unha esencialidade que a situaba no mundo cun espazo propio. Unha Academia presidida por un dos dous necesariamente levaría impresa unha destas dúas condicións tan distintas. Foi a emigración galega a que decidiu. A intelectualidade galega percibiu que América xa non era só un espazo económico ao que se recorría por necesidade, senón que alí se estaba creando un universo cultural étnico e emocionalmente vinculado a Galicia. O asociacionismo galego en América, que explota no ano 1879 cando se constitúen os Centros Galegos da Habana, Buenos Aires e Montevideo e, posteriormente, os de Corrientes, Córdoba, Rosario, Santa Fe, Cienfuegos, Barracas e Avellaneda, por só referirnos aos primeiros, foi o produto dunha emigración cualitativamente distinta, a dos emigrantes da utopía, aqueles profesores, estudantes, xornalistas que dende 1874, ao fracasar a Gloriosa e a Primeira República, sentíndose asfixiados por unha sociedade que recuperaba os vellos
Nº 368
236