25.07.06
Discurso pronunciado polo presidente da Real Academia Galega, Don Xosé Ramón Barreiro Fernández no solemne acto de entrega da Medalla de Ouro de Galicia á Real Academia Galega polo Presidente da Xunta de Galicia
Santiago, 25 de xullo de 2006
C
orrespóndeme, como Presidente da Real Academia Galega, recibir hoxe a Medalla de Ouro que Galicia, por mediación do Presidente do Goberno Galego, nos entrega en recoñecemento dos cen primeiros anos da nosa historia. E debo comezar dicindo que ningún lugar e día son máis axeitados que este para tal conmemoración: estamos no corazón da vella Compostela, onde se garda con agarimo o tesouro da nosa conciencia histórica; estamos preto do sartego do Apóstolo do rexionalismo, Alfredo Brañas; a carón das cinzas de Rosalía, cuxo corazón se apagou para sempre fatigado de amar a todos os que sufriron por vivir nesta terra. Ningún lugar, pois, máis axeitado. Pero tampouco ningunha data mellor que a de hoxe. O 25 de xullo foi marcado polas Irmandades como unha data fundamental do calendario patriótico, logo convertido por unha especie de plebiscito popular no Día de Galicia, mantido obstinada e case heroicamente vivo durante todo o franquismo e recuperado na súa plenitude simbólica na democracia.
235
Nº 368