BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Alocucións académicas sobre Avilés de Taramancos no Día das Letras Galegas
É Colombia país de dobre fachada, ao Pacífico e ao Mar das Antillas, na costa do Caribe, tan musical. Os grandes ríos, afluentes do Amazonas, funcionan como mares interiores, de vocación atlántica. O Cauca e o Magdalena son correntes de penetración que escriben a canle nas entrañas da Terra. A violencia da chuvia, o cheiro dos bananos e esa densidade diferente do aire atravesan os sentidos. Alí onde as paisaxes semellan ter sido creadas nese mesmo momento, nunha natureza sobrenatural, ese lugar de asombro e desmesura debeu exercer sobre Avilés unha forte seducción. Afastemos os problemas da existencia, que si que os houbo, e moitos, as tensións, a melancolía, que nalgún momento lle pesarían. Avilés fai uso da súa cordialidade e da súa cultura e paga a peaxe da condición de emigrante cunha actitude aberta a calquera estímulo. Acomódase e acepta o que o país lle dá. Foi Bogotá unha difícil aventura e máis tarde asentaríase na cubeta tectónica de Cali e os Andes, de pel áspera, por onde voa o cóndor. Alí, os movementos sísmicos nunca paran. O noso home, gran lector e autor de crónicas indíxenas, tiña ao seu alcance, donas dun léxico riquísimo, todas as historias de Terradentro; saberá do ouro dos chibchas e dos quimbaias, das esmeraldas de Muzo e da illa de Fonseca, citada por todos os buscadores de perlas. ¿E que dicir do tesouro do Capitán Morgan? E Buenaventura, o poético porto do café, que os entendidos sinalan como o mellor do mundo. Nesta insolación, a vida debeulle funcionar como unha novela, crúa ás veces, sen poder evitalo, con citas de tigres e pumas negros, por sendeiros de dura caoba, e co exercicio de oficios, para nós, desconcertantes. Baixo o manto da paisaxe real, Ulises reencárnase nun insólito chamán rodeado de libros, alí onde se asegura que naceu o Sol e os ritos están próximos ás estrelas. E as cancións sudamericanas que tanto lle gustaban, cando a noite cae de repente e xorden as voces de consolo cos amigos, o ritmo do bambuco, o merecumbé e a cumbia, coa pollera colorá, puro algodón de Barranquilla. Sen dúbida, tivo que percorrer estes escenarios para chegar a ser Avilés de Taramancos. Colombia, lugar no que se integrou, deulle, co tempo, moita sabedoría, maturidade e unha boa familia. Co paso dos anos, os galegos refrescan de cotío a memoria e, como o navegante de Grecia, lonxe das súas costas, agonizan. Como as súas propias sombras, a patria nunca deixa de acompañalos. No almacén desa intocable memoria existe un sacro lugar para eles, a outra orela. Necesitan volver. É ben certo que, canto máis mudamos, máis fieis somos á nosa antigüidade. Este grande escritor regresa definitivamente a Noia. Co retorno, e como condición do seu talento literario, abre unha excelente exploración que ilumina as súas esferas poéticas cunha luz coñecida, a luz de estar alí onde empezou. No eixo conductor da súa obra, de iconografía propia están, co vento nas xarcias, o amor e os espacios inmensos da saudade.
Nº 364 222