BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Alocucións académicas sobre Avilés de Taramancos no Día das Letras Galegas
Cada tarde é un porto, declaraba Borges. No horizonte a onde dirixe Avilés a mirada ben cedo, está sempre o mar, e Noia aparece como acuarela da infancia. Cameos cinematográficos, Boa, Testal, A Bogalleira, ocultos na cámara gozosa do neno. Son imaxes cotiás dun mundo xerminal, en preparación, pero xa nas distancias curtas, estes nenos retratan o futuro. A presencia mariña define tamén unha visión de orfandade. A porta da casa ?lista para saír? é unha declaración de principios no nomadismo da familia: Aí fóra está o mar, por se o necesitas... Falamos dun país onde nas antigas actas notariais sobre propiedades dos labregos tantas veces mariñeiros ao mesmo tempo, as leiras lindan ao norte con Inglaterra e ao oeste co océano enteiro. O rapaz asiste a unha tradición de veleiros fondeados na ría. A paixón por estes barcos é un tema emerxente ao longo dos seus textos, ideas dun mundo onde todas as aventuras son marítimas. Goletas e bergantíns xorden coma territorios integrados nunha lexión de voces e culturas. Tamén os crespóns negros da piratería, presentes nos nomes dos escritores do mar, que Avilés leu: velas cadras e latinas a todo trapo e viradas por redondo mentres unha tripulación enardecida canta a polca do Barril de Cervexa. É a nostalxia dos navíos para a guerra e o comercio, tocados das alas como aves pola aparición do motor e as hélices. Naos que xa non existen e mares que perderon a inocencia. Escribirá, máis tarde, o noso poeta:
¿Ula, goleta branca da miña mocidade? (...) Hoxe meu esqueleto é un estaleiro a onde chegan, feridos, os navíos de antano. (...) Mariñeiro, unha noite cantarémolos dous, bébedos como Ulises, no malecón dun porto.
É coincidencia que tanto Noia coma Colombia, as dúas patrias de Avilés, leven nomes de navegantes universais. Non sei se todas estas paraxes frecuentadas crean nel un soño en construcción que cómpre continuar. Permítome a metáfora dunha travesía que debeu de marcalo toda a vida: inicia o grumete a derrota desde o Barbanza, arrumba ao norte, deixa por estribor os faros de Fisterra, Touriñán, Vilán, as illas Sisargas, e recala na Coruña polo canal de fóra, onde lle dan no rostro os catro destellos da luz da Torre. Unxido pola metafísica astral de Manuel Antonio, vai emprender estudios de Náutica. Aínda non se chama Avilés de Taramancos.
Nº 364 220