Estudos e investigacións sobre Xosé María Álvarez Blázquez
BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Castrelos en 1979 co título de O Siñor Afranio, ou cómo me rispei das gadoupas da morte. Memorias dun fuxido co prólogo e as notas do propio editor. Especialmente estas notas fornecen moi interesantes datos sobre a época da República e a Guerra Civil que o propio Xosé María coñeceu persoalmente. Destacamos, tamén, como no arquivo familiar existe material para outros traballos relacionados con Tui que non foron publicados: sobre Camilo Bargiela, os poetas de El Eco del Miño, etc. Non esquezamos o que o mesmo Xosé María escribiu no xa mencionado ?Inquérito?:
Proieictos infinitos. Xeito de traballo, deslabazado, como todo eu. Non teño aínda plan trazado, porque unha vez que o fixen dimpois xurdiu o contrario. Eisi, déixome levar polas circunstancias e van xurdindo as cousas asegún o tempo quer.
As numerosas follas manuscritas que se conservan, os numerosos papeis, recollidos aquí e acolá, sobre Tui e mil temas galegos máis acreditan a capacidade de traballo do noso autor e como é precisa unha análise devagar desta documentación que ofrecerá novas sorpresas para todos os tudenses. Por último, cómpre mencionar dous discursos pronunciados en Tui. O primeiro realizado no salón de actos do Seminario tudense no decurso do acto que a Real Academia Galega organizou en Tui co gallo da dedicación a Manuel Lago González, o arcebispo Lago, do Día Das Letras Galegas de 1973. E finalmente o pregón das festas de San Telmo de 1979 pronunciado cando a democracia fora recuperada na vida municipal, un pregón en forma de poema, cheo de graza, elegancia e ironía. CONCLUSIÓN Esta apresurada achega ás contribucións dos Álvarez permítenos calibrar a medida da súa querenza por Tui, o seu corazón xeneroso que todos tiñan cara a esta cidade e as súas xentes... un corazón aberto na casa familiar do Rollo e que irradiaba a diversos ámbitos da nosa sociedade. Pero un corazón que en outubro do 1936 é rachado, aberto, polos disparos do pelotón de fusilamento do seu pai e os seus compañeiros na alameda tudense. Aquel corazón agora aberto pola violencia fratricida manará sangue, sufrimento e senrazón... que non serán abondo para que, no futuro, continúe ofrecendo froitos de sensibilidade poética, de investigación, de ilusión colectiva pola construción da nosa cultura e do noso país. Esta dupla realidade acompañará dende aquel infausto 1936 a relación dos Álvarez con Tui, aos que neste ano 2008 que agora remata tentamos recuperar e dignificar para a memoria colectiva desta cidade.
243
Nº 369