OS ÁLVAREZ EN TUI. UN CORAZÓN ABERTO NA VELLA CIDADE Rafael Sánchez Bargiela
Tui, unha das antigas capitais do reino de Galicia, vivía nos inicios do século XX nunha dinámica nova e certamente esperanzadora. A apertura da ponte internacional de ferro ?todo un símbolo de modernidade? no 1886 abrira novas expectativas á tradicional vida de fronteira, os serradoiros de madeira dinamizaban o tecido económico ?que dende 1907 contaba cunha Cámara de Comercio e Industria? namentres que continuaba conservando o seu carácter de cidade administrativa, comercial e episcopal. Naqueles anos a dinámica política estaba marcada pola detentación de poder que a familia Ordóñez realizaba. Ezequiel Ordóñez e o seu fillo Mariano conservaron as actas de deputados por este distrito do Baixo Miño varias décadas, ata a chegada de Primo de Rivera. O caciquismo ordoñista detentaba pois os resortes do poder na vida municipal, pero agromaban novos sectores con novas dinámicas sociais e políticas. Por unha banda, o movemento agrario prendía con intensidade no campo ao abeiro do problema foral; por outra parte, o novo proletariado urbano atopaba na CNT o seu elemento organizativo. Estes novos sectores políticos reclaman a súa presenza na vida do Concello e favorecen a aparición de grupos de oposición ao ordoñismo, que usarán a prensa local como privilexiado vehículo de opinión. Completaba este panorama un sector, vencellado a certos núcleos clericais e que terá, en diversos períodos, ao xornal La Integridad como voceiro, e que podemos definir como herdeiro do vello carlismo ou integrista, e que tivera nalgúns momentos de finais do XIX veleidades galeguistas. A presenza da familia Álvarez na vella cidade tudense percorre boa parte do século XX. A súa pegada, de xeito directo ou indirecto, está presente en numerosos acontecementos da vida social (no seu máis amplo sentido) de Tui ao longo de moitas décadas. Primeiro coa chegada a Tui do médico Darío Álvarez Limeses, exercendo o seu labor asistencial ao longo de tres décadas, paralelamente ao seu labor periodístico, social e político. Nos anos da República terán xa presenza destacada os seus fillos maiores Darío e Xosé María. A traxedia do seu fusilamento, co seu ronsel de dor pero tamén de esperanza, marcará tamén esta cidade á que abandona fisicamente a familia pero á que nunca esquecerán nese corazón aberto que os Álvarez manteñen en Tui. Darío Álvarez Limeses foi o segundo fillo de Emilio Álvarez Giménez e Amalia Limeses, e naceu na cidade de Pontevedra o 10 de novembro de 1877. Emilio Álvarez era natural de Puebla de Sanabria (Zamora) e tras cursar a carreira de Filosofía e Letras, obtivo, con apenas vinte e sete anos, a cátedra de Clásicos Latinos y Castellanos no Instituto de Segunda Enseñanza de Pontevedra, onde residirá ata a súa morte. Vencellado
219 Nº 369