BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Estudos e investigacións sobre Xosé María Álvarez Blázquez
buscador de tesouros comezou a súa actividade de arqueólogo en tempos de adolescencia a partir dunha colección propia de 61 machados paleolíticos que foi recadando na bisbarra de Tui. A Xosé María Álvarez Blázquez naceulle a paixón da arqueoloxía nos días da primeira mocidade, conforme ía configurando a súa personalidade de poeta e afortalando o seu amor pola cultura popular. A atracción polas orixes remotas da humanidade e pola raíz da nosa historia consolidouse coa axuda e o maxisterio do arqueólogo tudense Manuel Fernández Costas, con quen fixo, na compaña doutros rapaces, as súas primeiras prospeccións nos castros de Cabeza de Francos e A Guía durante os anos 1933 e 34. No verán de 1934, con 19 anos, dirixe el mesmo unha improvisada escavación no castro de San Xoán de Baión, da que deixou un diario manuscrito, inédito até que, en data recente, o Instituto de Estudos Miñoranos o incluíu no libro Escritos sobre arqueoloxía, que recolle todas as publicacións do Xosé María Álvarez Blázquez arqueólogo e prehistoriador. Relativas á primeira xornada, a do 31 de agosto, son estas notas, reveladoras do entusiasmo xuvenil do investigador:
Todo o serán foi noso. Erixinme en capitán e os rapaces traballaron de cote, Pepe Buela, Celso García de la Riega, o seu amigo Guillán, os meus irmáns Alfonso, Emilio e Álvaro, e mais eu eramos de feito un bo exército. Namentres eles folgaban despois da subida, eu fixen da eixada o meu zahorí. Unhas cantas calas pequerrechas e ao cabo: 'aquí, rapaces' [...]22
A familiar xeira do 31 de agosto conclúe no diario de Xosé María coa manifestación dun desexo que declara as súas certezas ideolóxicas, máis unha vez alicerzadas na procura da identidade orixinaria:
Unha pequena facha préndeme na imaxinación: ¿estou diante dun castro eneolítico todo o máis, por tanto lonxe de calquera influxo castrexo? Non sería pouco, se isto acontecese dese xeito. A súa limitada cabida quizais fose causa de desprezo. Eu ansío non teña pasado do eneolítico, pois a súa orixinalidade estaría en non ser abranguido pola influencia romana que tanto asoballou a nosa personalidade.
Desde os lonxincuos e saudosos días estivais de Baión, quen, anos despois, sería nomeado delegado de escavacións arqueolóxicas de Vigo e director da Sala de Prehistoria do Museo vigués de Castrelos, por el fundada e organizada, non deixou nunca de dirixir ou participar en escavacións de diversa entidade, das que deu testemuño en numerosas publicacións. Soterramentos romanos na rúa Picacho e primeiras prospeccións no Castro de Vigo en 1952, ás que seguirían outras até os anos 80; descuberta e escavación en 1953 dun magnífico achado de estelas funerarias, o conxunto epigráfico romano máis importante de Galiza; as campañas dos anos 61 e 62 no xacemento paleolítico das gándaras de Budiño; laudas do santuario dedicado ao deus Berobreo no monte Facho de Donón a comezos dos 60; a cista de Atios do 67... constitúen as súas actividades e achaNº 369 52