BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Estudos e investigacións sobre Xosé María Álvarez Blázquez
moi especialmente Álvarez Blázquez. O equilibrio entre tradición e vangarda que singulariza o idiolecto de Amado Carballo e a súa escola, de cuxo maxisterio se nutre de xeito moi consciente a escrita de Xosé María desde os días da fundación da revista Cristal12, é a solución rupturista que o autor de Proel13 e O galo14 adopta fronte ao clasicismo que as vangardas combaten. Pero a vangarda galega de Amado Carballo constitúe unha escolla temperada que tenta conciliar a fractura anovadora coa fidelidade á tradición popular, aquel río da fala antiga e esencial das coplas e as cantigas que continuou a fluír en curso subterráneo pola canle secreta dos séculos escuros e saíu outravolta á luz, reinterpretado, na voz de Rosalía para continuar alimentando o discurso de moitos poetas desde finais do século XIX. Xosé María Álvarez Blázquez manifestara con vehemencia, como vimos, a reprobación ?disa corrente que foi snobista hai dez anos? e rexeitara a poesía non popular de ?algún que outro Cunqueiro, de verdadeiro temperamento lírico, mais no intre cáseque a naufragar?, ou sexa o ?poeta abstracto sen manifesto?, tal como caracteriza Ferrín ao autor de Mar ao norde15 e Poemas do si e non16, o vangardista radical, situado nestes dous libros de mocidade en territorio próximo ás propostas de Manuel Antonio, ?cuxo exemplo non orixina descendencia na xeración de 1936, a excepción de Cunqueiro? (Méndez Ferrín 1984: 153). Pola contra, o poeta de Arco da vella e de Poemas de ti e de min, identificábase, como a maioría dos seus coetáneos, coa solución moderada e conciliadora do neopopularismo de Amado Carballo e sentíase moi lonxe do creacionismo de Manuel Antonio. Os Poemas de ti e de min residen, pois, no úbedo hábitat da cultura literaria popular e tradicional, reinterpretada a través da cosmovisión e as tonalidades emotivas específicas do autor e modulada aquí e acolá polas fórmulas modernizadoras do imaxinismo e o neotrobadorismo. No poema titulado ?Desterro?, unha das pezas maiores da escrita poética de Xosé María Álvarez Blázquez, como noutros pertencentes a este libro, podemos percibir a convivencia das diversas formulacións da poética popularista: ?Que lonxe vivo, / ai, madre!, / que lonxe estou. / Unha anduriña, /madre, / que non tornou?. Roseira do teu mencer, cántico do amor de pai en estrea emocionada, é, en palabras de Darío Xohán Cabana ?cantiga de berce, canción de roda, xogo paralelístico, artificio popularista, autenticidade popular, cousa leve se as hai: si, pero a emoción latexa en cada sílaba? (Cabana 2008: 93). Emoción de namoro, alto oficio musical, poderosa suxestión simbólica a destes versos primeiros: ?Era un airiño soave / que se ergueu pola mañán / e viña de non se sabe?. O Romance do pescador peleriño17 constitúe outra variante feliz da Poética Popular do seu autor, viaxeiro infatigábel polas rúas do romanceiro tradicional. En Canle segredo, maiormente verso libre ou branco de dicción conversacional, pervive en reducida mostra a liña neopopularista. A atracción das orixes exprésase ademais neste libro a través do regreso ao limiar paradisíaco da existencia individual, a recuperación da nenez, aquel afán de achegamento á infancia declarado na
Nº 369 50