BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Estudos e investigacións sobre Xosé María Álvarez Blázquez
exerceu un labor decisivo de pedagoxía cultural: a popularización daquel tesouro da nosa identidade e a comunicación en ámbitos máis restrinxidos das súas certezas de especialista a través da súa participación en congresos ou a súa colaboración en revistas especializadas. Ao longo de toda a súa vida mantivo en actividade un permanente equilibrio de rexistros expresivos e de horizontes comunicativos, os da voz do investigador erudito e os da fala destinada a difusión masiva. A Escolma da poesía medieval6 acolleu nas súas páxinas e resolveu no seu encontro cos lectores esa harmónica figura dobre: o substrato rigoroso da información, resultado dun demorado estudo de investigación, fornecido nas introducións á obra selecta de cada un dos autores escolmados; o tratamento simplificador e actualizador das grafías medievais nun libro que, en palabras do propio antólogo
[...] vai destinado á ávida grea de lectores non familiarizados cos vellos testos galegoportugueses e que ten por fin principal a vulgarización dos mesmos, dando a conecer ás xentes de dentro e fóra unha parte escolleita , anque mínima, do noso tesouro lírico medieval [..] (Álvarez Blázquez 1975: 10)
A querenza reiteradamente manifesta do antólogo polas músicas do coro popular conduce os rumbos preferentes da Escolma, que selecciona con especial emoción e máis abondosa mostra a cantiga de amigo fronte á de amor. Máis unha vez, o pescudador do centro orixinario identifica as razóns da cultura popular coa profunda e primitiva raíz do ser colectivo. E xustifica así a inescusábel fidelidade da súa escolla popularista:
Non podemos negar que foi nista seara do frolecer popular onde nós quixemos facer o millor da colleita, pois é cousa sabida que alí están as esencias líricas da terra, cuia seiva preciosa asómase ao mundo da poesía nos beizos da 'amiga' que canta, atal que si fosen pétalos bermellos da vella roseira tradicional. (Álvarez Blázquez 1975: 8)
No territorio mesmo das orixes da nosa lingua literaria instalouse o poeta, o erudito medievalista, o ?xentil deportista das glorias do mito? ?así saudado por Otero Pedrayo en simpático e brillante poema epistolar? para transformarse en trobador medieval e asumir a voz dos oito autores escolmados no Cancioeiro de Monfero7. Durante varias xornadas do ano 1953 e creo que maiormente en noites de insomnio, circunstancia que facilitaría a execución do chimpo intersecular, Xosé María Álvarez Blázquez desprazouse en viaxe astral para realizar o seu soño de habitar o ámbito da Galiza do século XIII, tantas veces percorrido en reconstrución imaxinativa, e reencarnar na figura múltiple dos trobadores aos que se sentía unido por vencellos de moi estreita familiaridade. Xosé María ocupou o espírito e a voz de Riandiño, de Fernando Esquío, de don Álvaro de Soutomor, de Pero Amigo, de Roi Paes de Ribela, de Golparro e mesmo dalgúns xograres e trobadores de descoñecida entidade. Pero o poeta, o responsábel único da escrita das oito cantigas que compoñen o Cancioeiro de Monfero, non perdeu por completo os matices da voz propia, que declara acentos de tonalidade súa e, como afirma Xavier
Nº 369 48