BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Estudos e investigacións sobre Xosé María Álvarez Blázquez
adolescencia, atinxiu conciencia dos seus propios intereses intelectuais, obedeceron o mandato íntimo dunha pulsión primordial: a paixón das orixes e da tradición, eixo arredor do que xiran, con diversas fórmulas de alternancia cíclica ao longo de máis de cincuenta anos, as liñas centrais do seu discurso creativo e reflexivo e a súa acción pedagóxica como xornalista, conferenciante e editor. Aquel centro interrogativo outorga, a carón dunha moi consciente e efectiva vontade de estilo e co concurso doutras motivacións de índole emotiva e ideolóxica, un perfil de evidente unidade á versátil xeometría das súas inquisicións. A ?simpatía por todo o que comeza? é o movemento anímico que preside as procuras iniciais daquel neno tudense interesado tanto na recolleita de mostras da cultura tradicional como na escrita de poemas, os da serie manuscrita dos cadernos ?Abril? (10 de decembro de 192730 de marzo de 1932), abeirados en gran medida ao territorio estético da lírica popular e da medieval dos Cancioneiros. O poeta adolescente sentíase espontaneamente incorporado á escola da creatividade colectiva e primitiva. O mozo que, en febreiro de 1936, con 21 anos de idade, responde ao ?inquérito? proposto por Xosé Filgueira Valverde para a Antoloxía consultada ?inédita até que o excelente labor de Ana Acuña e Xesús Alonso Montero a rescataron das sombras hai algúns meses? verbaliza con contundente vehemencia os principios da súa poética popularista:
É perciso popularizar a poesía, que é cousa de todos, e sabido é que o poeta non se debe a sí mesmo. [...] A poesía, cando non é do pobo, pérdese como o arte todo, como aconteceu na Hespaña cos Góngoras, na Italia cos Marinos, na Inglaterra cos Leylys, e coma na Galiza queren hoxe, con catro séculos de retraso, algún que outro Cunqueiro, de verdadeiro temperamento lírico, mais no intre cáseque a naufragar.1
Nestas liñas fica enunciada, con hipérbole de provocativa enerxía xuvenil, unha escolla estética e ideolóxica que presidirá unha boa parte da obra poética de madurez de Xosé María Álvarez Blázquez. A devandita escolla non contradí outras opcións expresivas do poeta que, con Canle segredo2, a súa voz máis conseguida e unha das mellores mostras da poesía galega da segunda metade do século XX, se incorpora e mesmo anuncia ?en 1953, data da escrita da maior parte dos poemas que integran ese libro longamente adiado na súa publicación? a abertura do discurso poético de noso a fórmulas expresivas propias da modernidade culta. En 1936, o autor do inédito Arco da vella (193234) defende con vigor na resposta ao inquérito de Filgueira ?unha volta aos Canzoeiros e un afastamento radical disa corrente que foi snobista hai dez anos? (Filgueira Valverde 2008: 304). O poeta popularista, o namorado das cantigas medievais, dos códigos naturais da nosa tradición, non podía aturar daquela o que consideraba artificio puníbel das propostas da vangarda, produto importado e alleo aos nosos hábitos e necesidades. Así declara, con patente belixerancia que o tempo temperaría, a súa animadversión:
Nº 369 46