Traballos de investigación e estudo
BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
cións e a mesma Facenda recorreron á publicación de ?cartillas? electorais, de avaliación económica etc.32 Cando no Sexenio se impuxo en España o sistema métrico decimal foi preciso elaborar unhas táboas nas que o público puidese coñecer os valores e proporcións. Nalgúns casos, estes impresos chamáronse ?cartillas?33. Para facilitarlle ao clero a celebración diaria da liturxia sagrada imprimíronse unhas Cartillas, usualmente coñecidas como ?cartillas do rezo?, que xa existían en Santiago no ano 161934. Como poderá observase, o que caracteriza as cartillas é que se trata dun impreso no que se expón algo, en forma breve e moi sinxela, para o uso do público en xeral ou de grupos sociais moi determinados. Ademais dos militares, enfermos, labradores etc. tamén as empregadas do fogar tiñan as súas cartillas35, os fareiros36 e ata os músicos37. Cando a partir da Guerra da Independencia se inicia en España a literatura política con pretensións de chegar ao maior número de cidadáns, unha literatura evidentemente pedagóxica pero tamén publicitaria, os autores atopáronse coa necesidade, se querían chegar ao gran público, de utilizar unha destas dúas palabras: Cartilla ou Catecismo. Eran dúas palabras, ou dous títulos, asumidos polo mercado, que gozaban dunha xeral aceptación e que definían con suficiente precisión o obxectivo dos autores: ofrecer un texto breve, sinxelo e ao alcance dun público medianamente formado. Tiña, ademais, a vantaxe do seu uso en Francia dende a Revolución Francesa de onde proceden, como veremos, os primeiros catecismos políticos. A contaminación das dúas palabras debido ao uso xeneralizado que fixo o clero non foi motivo de rexeitamento. Ao contrario, desta forma procurábase remarcar a compatibilidade entre a doutrina da Igrexa e os principios constitucionais. Por iso non era infrecuente que as obras se titulasen Cartilla Cristiá Constitucional ou ben Catecismo Político Constitucional. A abondosa e riquísima literatura política galega dende 1808, que constitúe un dos capítulos máis descoñecidos da nosa historia, poucas veces se manifestou en forma de comentarios dialóxicos publicados para que os alumnos os memorizasen. Polo contrario, a maior parte desta literatura prescindiu deste importantísimo medio de formación e propaganda para orientarse a favor dos grandes debates nos que os defensores dos distintos sistemas políticos, pero moi especialmente os liberais e absolutistas, se empeñaban en formidables diatribas. Utilizando os xornais, pero tamén os folletos e incluso libros de gran formato, lidaron os nosos intelectuais un pouco de costas ao gran público non sempre capaz de seguir a documentada argumentación dos contendentes. Por iso temos que destacar os autores e as obras que pensaron tanto nos nenos das escolas coma nos sectores da poboación menos cultivados e que constituían o gran mercado galego.
311 Nº 366