PRESENT A C I Ó N
unca chegan os tempos de bonanza para este tipo de publicacións periódicas de natureza institucional; e unha vez máis nos vemos na obriga de presentar este número 368, relativo a 2007, cun considerable atraso. Ben é verdade que sempre contamos coa xenerosa comprensión dun público ao que sorprendemos favorablemente porque a diferenza das publicacións comerciais, necesitadas de compradores, nós andamos na procura de lectores. E isto é posible grazas ao mecenado da Fundación Rodríguez Iglesias e a Hércules de Ediciones, coeditores do Boletín da Real Academia Galega. Con todo, esta entrega do Boletín ten algunhas particularidades salientables, entre elas ser o primeiro número conmemorativo do centenario da Real Academia Galega. Este será o motivo polo que non aparece o apartado dedicado a traballos de investigación, cedido ocasionalmente aos actos celebratorios da efeméride. A Academia quixo refacer ao longo do ano 2006 un camiño con horizontes de futuro polos lugares da memoria da nosa cultura: Carral, Tui, Betanzos, O Courel son os nomes evocadores de acontecementos que son coma miliarios chantados no cerne da nosa historia: os mártires de Carral, celebrados xa por Murguía e a Liga Galega de Lugrís e demais fundadores da Academia, os xogos Florais de 1891 en Tui representaron a galeguización da cultura literaria e Betanzos, a consagración do galego como lingua do común; por fin, O Courel unha homenaxe a unha poeta, María Mariño, e a unha paisaxe cantada por voces líricas consagradas. Xusto aquí, nas terras altas de Uxío e de María tivemos ocasión de oír as intervencións académicas de X. L. Méndez Ferrín, Rosario Álvarez e Darío Xohán Cabana sobre a homenaxeada o día 17 de maio. O Boletín, fiel a unha tradición inveterada, recolle as palabras institucionais nas súas páxinas centrais. Á figura de María Mariño achégannos os profesores e críticos Carmen Blanco, coordinadora desta sección, Manuel Fernández Rodríguez, Arcadio LópezCasanova, María Lopo, María Xesús Nogueira Pereira, Olga Novo e Ana Romaní. A segunda parte da publicación está reservada á grande exposición, que co patrocinio xeneroso e imprescindible de Caixa Galicia, promoveu a Academia Galega. Unha selección representativa de fotografías percorre a mostra da man dos deseñadores do Grupo Revisión Deseño, Pepe Barro, Xosé Salgado e Lía Santana. O resto deste apartado conmemorativo recolle as intervencións e fotografías dos actos de recepción dos numerosos premios e lembranzas con que diversas institución do país ?Xunta de Galicia, Deputación da Coruña, concello da Coruña, concello de Lugo, concello de Vilafranca, concello de Ferrol, Toxos e Froles de Ferrol, La Voz de Galicia? agasallaron a Real Academia Galega. Desde as páxinas deste número, o noso máis sincero agradecemento a todas as institucións do país que se sentiron solidarias cunha institución que leva máis de cen anos de dedicación á cultura galega.
N