BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Estudios e investigacións sobre Avilés de Taramancos
o varal está listo, a andália posta, o corazón afeito ao longo exílio.
Este poema é a única ocasión na que Avilés emprega esta palabra, ?exilio?, demasiado circunscrita á situación dos desterrados políticos da Guerra civil de 19361939, para referirse á súa condición vital e será, en definitiva, o colofón e testamento da súa andadura poética. Confirma este poemario que o exilio de Avilés non é xeográfico, a perda dun espacio que é patria e casa ó mesmo tempo. As dimensións do exilio de Avilés establecen unha moi nova relación entre o exilio e a poesía. O noso poeta fixo da fuxida o seu campo de experimentación tal como dicía Lawrence: ?Partir, partir, evadirse..., atravesar o horizonte, penetrar noutra vida... Así é como Melville aparece sen darse conta no medio do Pacífico. Verdadeiramente superou a liña do horizonte...?. Pero hai outros moitos elementos de cohesión na poesía de Avilés de Taramancos e que, a maior abondamento, configuran estilisticamente a obra do poeta. A intertextualidade19 será un recurso de gran forza estructural que ademais rompe o tópico da poesía da experiencia coa que adoita emparentarse a creación do poeta de Noia. En definitiva, tamén, aínda que non exclusivamente, a literatura escríbese, como xa temos dito, desde a literatura, como unha cadea ininterrompida de voces e de tradicións. De aquí, deste sentido colectivo e coral, a dedicatoria que do último poemario fai Avilés: ?O autor dedica este libro a Miguel Anxo FernánVello, que é como pasar un facho de man en man.? A intertextualidade, ademais, establece un diálogo máis ou menos expreso, coa complicidade do lector, con outros textos anteriores e mesmo coas súas obras anteriores. Avilés, mediante este recurso encadea a súa propia creación a unha tradición, coa que dialoga en pragmática complicidade máis ou menos explícita co lector. Pero na súa última obra, este diálogo énchese de referencias internas, intratextuais, como nun intento de poñer punto final. Sinalaremos soamente algúns exemplos significativos deste proceso intertextual empezando polos máis explícitos e literais, como no caso da cita, con escasa presencia pero moi significativa na primeira etapa. Non pretendemos facer un estudio de fontes ou de influencias cando facemos mención das citas senón sinalar a integración no seu propio discurso, nunha especie de xiro dialóxico e cómplice co lector. A presencia de Virxilio, neste primeiro mundo auroral en contacto coa natureza, parece cita obrigada; Baudelaire, o compromiso ético e rupturista, encabeza o pranto a Urbano Lugrís: ?Homme libre, toujours tu chériras la mer!?; de seguido dúas citas bíblicas, do Apocalipse e do evanxeo de Mateo, que marcan o espírito profético, ademais doutra do seu mestre e introductor no mundo da poesía, Manuel Fabeiro.
Nº 364 34